- O ano pasado realizáronse intervencións en máis de 100 bens entre os que se inclúen xacementos, igrexas, mosteiros ou castros
- López Campos destaca que estes traballos encádranse no compromiso do Goberno galego “coa conservación do noso patrimonio máis senlleiro para que sigan contando a nosa historia”
- Este compromiso continuará vixente no 2025 con obras como a que se levará a cabo no concello pontevedrés de Portas
A Xunta destinou 13 M€ a actuacións sobre o patrimonio durante o ano 2024, tanto no que se refire a intervencións arqueolóxicas como arquitectónicas. Así o indicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita á igrexa parroquial de San Pedro de Lantaño, na localidade pontevedresa de Portas, onde nos vindeiros meses se levará a cabo a restauración do retablo maior coa financiación do Goberno galego.
O representante do Executivo autonómico destacou “o compromiso coa conservación, mantemento e posta en valor dos nosos bens patrimoniais, esenciais para seguir contando a nosa historia xeración tras xeración”. Así, resaltou que cada ano “se fai un importante investimento na rehabilitación”, lembrando o centenar de intervencións arquitectónicas sobre 81 bens realizadas o ano pasado cunha contía total de preto de 12 M€. A estes, cómpre sumar os traballos desenvolvidos en xacementos arqueolóxicos, con 27 accións, “aos que dedicamos no 2024 unha partida de máis de 800.000€ para seguir investigando, descubrindo o noso pasado e dándolle difusión no noso presente”.
Con esta premisa, tal e como precisou López Campos, comeza tamén o 2025, para o que se reservan 22 M€ no orzamento no que ten que ver co patrimonio, co obxectivo de continuar impulsando a conservación de bens de interese histórico a través de distintos plans de actuación como é o Plan Catedrais, que vela polo bo estado dos grandes templos galegos, o que ten que ver cos monumentos vencellados ao Camiño de Santiago ou cos enclaves arqueolóxicos.
Retablo de San Pedro de Lantaño
A igrexa de San Pedro de Lantaño, na que se atopa un retablo maior e as súas imaxes, ten a consideración de ben catalogado incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Portas. O proxecto de restauración deste retablo, que asume a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, está en fase de adxudicación por valor de 62.000€, polo que en breve comezarán os traballos dirixidos a rehabilitar esta peza barroca coa retirada de elementos alleos a ela, a eliminación da policromía de época recente e a consolidación do soporte nas zonas debilitadas, entre outras accións.
A intervención tamén contempla a recuperación das imaxes de San Andrés, San Vicente, San Xosé, San Francisco, San Pedro, Santiago Peregrino e a Virxe da Apocalipse.

