― O importe da licitación ascende a máis de 120.000 €
― Trátase da redacción de proxecto e dirección de obra para 14 novos fogares que se construirán na parcela cedida polo Concello na rúa Aguceira en Vilarrodís
― A execución de toda a obra suporá un investimento estimado de máis de 2,7 M€
― A Xunta mantén o ritmo de traballo no obxectivo de chegar ás 4.000 novas vivendas de promoción pública nesta lexislatura, con máis de 3.000 vivendas en distintas fases de execución
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), recibiu un total de 3 ofertas para levar a cabo a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a construción de 14 vivendas de promoción pública en solo cedido polo Concello de Arteixo, na parcela UA-43 P11 da rúa Aguceira en Vilarrodís. O importe da licitación ascende a 124.182 €
O investimento total estimado na execución das obras do inmoble superará os 2,7 M€.
O Goberno galego ten tamén en tramitación no concello coruñés un Proxecto de Interese autonómico no ámbito Baiouca–Penouqueira, que permitirá habilitar solo para 160 novas vivendas, o 80 % delas protexidas.
Ata o momento os concellos que xa cederon solo para a construción de nova vivenda pública son A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ames, A Estrada, Lalín, Teo, Vilagarcía, Carballo, San Cibrao das Viñas, Narón, Arteixo e Bueu.
En conxunto, a Xunta ten en marcha máis de 3.000 vivendas públicas en diferentes fases de execución e no 2026, impulsará o inicio de 1.000 máis. O obxectivo marcado polo Goberno galego nesta lexislatura é duplicar o parque público residencial pasando dos 4.000 aos 8.000 fogares.
A Xunta destinará 350M€ a políticas de vivenda no ano 2026, dos que 163M€ se destinarán a construción de novos fogares.



