_O secretario xeral para o Deporte asiste á I Gala Homenaxe a Pablo Hinójar e recorda que a Xunta entregaralle a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia a título póstumo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na I Gala Homenaxe a Pablo Hinójar, adestrador de ximnasia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva tristemente falecido o pasado mes de outubro. O mandatario en galego puxo en valor o “infinito legado que Pablo deixa aos seus alumnos e a todo o deporte galego” e destacou a súa figura como “unha persoa que revolucionou a ximnasia en Galicia”.
Nas súas verbas, o mandatario galego lembrou a gran contribución de Pablo Hinójar ao desenvolvemento da ximnasia galega, sobre todo nas especialidades de trampolín, tanto como deportista, sendo un dos pioneiros que ademais axudou á camiñar cara a igualdade nun deporte maioritariamente feminino, como adestrador. En 2004 fundou o seu club, o Ximnasia Pontevedra e, en 2020 converteuse en adestrador do CGTD. Ademais compaxinaba estes cargos cos de seleccionador nacional de dobre mini-tramp (DMT), tumbling e ximnasia acrobática.
Lete Lasa destacou como unha das maiores achegas de Pablo Hinójar ao deporte, o descubrimento dunha das xoias de Galicia, Melania Rodríguez, á que acompañou dende os 5 anos para conseguir nestes últimos tempos un magnífico fito como é a tripla coroa: campioa do Europeo, campioa dos Xogos Mundiais e campioa do Mundial en DMT. Neste sentido, o secretario xeral animou a Melania a continuar co seu espectacular camiño e, sobre todo, a loitar por esa clasificación olímpica en trampolín que tanto buscou nos ciclos olímpicos anteriores xunto a Pablo. “Estou seguro de que todo este traballo desembocará nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028 e cando o faga, o teu adestrador seguirá ao teu carón”, dixo.
Lete Lasa recordou que na vindeira gala das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia, Pablo Hinójar será condecorado a título póstumo. Estas distincións recoñecen ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo ou contribuísen ao crecemento, á promoción, ao fomento e á excelencia do deporte e da educación física da nosa Comunidade Autónoma.