- Esta iniciativa enmárcase na colaboración co Clúster do Ecommerce Galego e está destinada tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder á comercialización dixital
- Como novidades inclúe dous niveis de formación, un de iniciación e outro avanzado e amplíanse o período de mentorías e o número de sesións formativas
- Nela poderán participar ata 24 proxectos e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 4 de abril no espazo web do Clúster do Ecommerce Galego, onde tamén poden consultar as bases cos requisitos para a inscrición
- A primeira edición desta iniciativa, promovida ao abeiro da Rede de polos de emprendemento, tivo unha grande aceptación e permitiu achegar as ferramentas do ecommerce a unha vintena de proxectos, boa parte deles do comercio polo miúdo
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025.- A Xunta lanza unha segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce para seguir impulsando o emprendemento no ecommerce ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e a través da colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego. Esta iniciativa está destinada tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital.
Neste sentido, como novidade, esta segunda edición inclúe dous niveis de formación. Un deles de iniciación para aquelas persoas emprendedoras que comezan de cero ou con coñecemento baixo en ecommerce outro avanzado para os que xa teñen un comercio electrónico e necesitan un impulso. Nela poderán participar ata 24 proxectos e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 4 de abril no espazo web do Clúster do Ecommerce Galego, onde tamén poden consultar as bases cos requisitos para a inscrición.
Grazas a este programa, as persoas participantes reciben formación e mentorización sobre comercio electrónico, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Neste campo, amplíase o período de mentorías de 2 a 5 meses e o número de sesións en relación co ano pasado. Ademais, co obxectivo de axustarse ás necesidades de cada proxecto, adaptaranse os contidos aos grupos creados.
Este programa enmárcase na aposta da Xunta pola innovación e o impulso ao emprendemento con varias medidas e con ela contribúese a potenciar o talento e a competitividade das empresas galegas mediante o apoio, incentivo e promoción do comercio electrónico. Ao mesmo tempo, con ela promóvese a convivencia de empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.
Primeira edición
A primeira edición de Xerme Ecommerce tivo grande aceptación e permitiu achegar as ferramentas do ecommerce a unha vintena de proxectos, boa parte deles do comercio polo miúdo. Delas boa parte vendían online, mentres outras contaban con ambas opcións habilitadas pero con interese en potenciar a venda electrónica e algunha só tiña local físico.