― José González pon en valor a construción como motor de emprego, destacando que os últimos datos da EPA constatan o aumento de ocupados no sector (+6,74%), un escenario no que Galicia rexistra máis emprego que o ano anterior (1,1 millóns)
― Debulla as medidas impulsadas pola Xunta para dar resposta a retos que enfronta o sector, como a falta de man de obra, o absentismo ou remuda, impulsando tanto as oportunidades da forza laboral propia como a atracción de talento foráneo
― En clave interna, destaca a aposta estratéxica polo impulso das formacións á carta do tecido produtivo, na liña do convenio vixente coa Fundación Laboral da Construción que permitirá a capacitación de máis de 1.700 persoas
― No mercado externo, convida ao sector a participar nas feiras de emprego que a Xunta impulsa en marzo na Arxentina e no Uruguai e insiste na necesidade de que o Goberno central axilice a tramitación burocrática para a contratación en terceiros países
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá nun almorzo empresarial organizado pola Asociación de Construtores de Ourense (ACO). Durante a intervención, tivo a oportunidade de debullar as medidas impulsadas pola Xunta para dar resposta a retos que hoxe enfronta o mercado laboral e que afectan especialmente a sectores prioritarios da economía galega como a construción, entre os que se sitúan a cobertura de vacantes, o absentismo ou a falta de remuda xeracional.
O conselleiro puxo en valor a construción como un dos motores de crecemento e emprego da Comunidade, destacando que os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) constatan que o número de persoas ocupadas aumentou neste sector (+6,74%), no marco dun escenario en continuo crecemento, no que Galicia rexistra máis emprego que o ano anterior, con máis de 1,1 millóns de ocupados —a cifra máis alta nun 4º trimestre desde 2009— e unha taxa de paro menor (8,67) que no conxunto do Estado (10,61).
Neste marco —e dando resposta ás demandas do sector ante os desafíos que enfrontan— compartiu a folla de ruta que está a seguir o Goberno autonómico para potenciar tanto a forza laboral interna como a atracción de talento foráneo, sempre de xeito ordenado e da man das empresas, na liña das xornadas técnicas celebradas a finais de 2024 cos principais sectores estratéxicos —entre eles, a construción— para identificar as principais barreiras de acceso a perfís cualificados e artellar un plan a medida de cada sector.
Así mesmo, apelou ao Diálogo Social para abordar retos como o absentismo, anunciando a posta a disposición, neste marco, dun informe impulsado pola Xunta para identificar as causas, avaliar como afecta á produtividade das empresas e deseñar posibles solucións. Tamén insistiu na colaboración público-privada, como xa se vén facendo con ACO en diferentes ámbitos como a prevención de riscos —avanzando que se realizarán novas campañas específicas neste eido a través do ISSGA—, a formación ou o impulso de programas integrados de emprego, dos que a entidade é beneficiaria na última convocatoria. Unha colaboración, indicou, que se estende a todo o sector, sinalando o convenio vixente coa Fundación Laboral da Construción para a posta en marcha de accións formativas que permitirán beneficiar a máis de 1.700 persoas para seguir impulsando a recualificación en liña coas competencias que máis precisan reforzar.
Retención e atracción de talento exterior
Durante a súa intervención, o conselleiro puxo en valor as iniciativas pioneiras para casar de xeito máis eficiente a oferta e a demanda impulsadas por Galicia e que comezan no mercado interno. A este respecto, mencionou a modernización do Servizo Público de Emprego —con medidas como a implantación da ferramenta EMi—, o reforzo do programa intensivo da demanda de emprego e o impulso estratéxico das microformacións.
De xeito complementario —e posto que a forza laboral interna non é hoxe suficiente para atender as necesidades das empresas— no que respecta aos traballadores foráneos, José González expuxo que a Xunta prioriza a atracción de talento dos galegos da diáspora no marco da Estratexia Galicia Retorna, ao abeiro da que no 2025 se están a impulsar medidas de gran interese para o sector como o Retorna Cualifica Emprego (2,3M€), que nesta anualidade prevé beneficiar arredor de 200 galegos do exterior. Así mesmo, lembrou que o Goberno galego tamén impulsa a captación de talento estranxeiro en colaboración con terceiros países, no marco da cal se están celebrando diferentes reunións con embaixadores de países de América Latina co obxectivo de abordar en conxunto o reto da cobertura de emprego e a realización de accións en orixe. Nese marco, lembrou que está prevista na primeira quincena de marzo a celebración de feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai nas que as empresas galegas terán a oportunidade de captar talento en ambos países. En liña con isto, insistiu na necesidade de colaboración do Goberno central en áreas da súa competencia como a axilización da homologación de títulos do estranxeiro ou a axilización dos trámites burocráticos para poder contratar en terceiros países.