O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a sede da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), en compañía do seu presidente, José Ramón Caldas, e da vicepresidenta da entidade por Pontevedra, Silvia Crespo Tobío. A visita enmárcase nas accións do terceiro eixe do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que avoga por un modelo de gobernanza activa baseado no coñecemento e na participación de todos os axentes implicados.
Na visita, o director xeral puxo en valor o papel de APE-Galicia á hora de apoiar o tecido autónomo, fundamental no eido comercial, ao tempo que sinalou que o Plan estratéxico contempla reforzar as sinerxías e a cooperación sectorial e intersectorial para avanzar na consolidación do sector. Nese senso, e entre outras medidas, crearase a nova Mesa do Comercio Galego, instrumento clave para a axeitada colaboración de todo o ecosistema e as administracións públicas, en paralelo ao traballo que xa se realiza a través das mesas locais de comercio, cuxo papel se seguirá intensificando.

