- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía o crédito da orde de subvencións convocada por Augas de Galicia a finais do mes de febreiro
- O organismo hidráulico porá este ano á disposición das entidades locais galegas case 7,5 millóns de euros a través de seis liñas de axudas co obxectivo común de mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento e de saneamento municipais
A Xunta incrementa en 360.000 euros o orzamento inicial da orde de axudas dirixida a entidades locais de menos de 50.000 habitantes para realizar auditorías de saneamento nas súas redes e detectar posibles infiltracións de augas sen depurar. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que comunica a ampliación do crédito da convocatoria, que era de 500.000 euros.
Ante a existencia de fondos e atendendo ao importante número de solicitudes recibidas, o organismo hidráulico Augas de Galicia decidiu ampliar a dotación inicialmente prevista para poder atender a todos os concellos que solicitaron en tempo e forma a subvención e que cumprían cos requisitos establecidos na propia orde. Deste xeito, a previsión é outorgar un total de 60 axudas por importe de 859.646,66 euros.
Grazas a estes incentivos económicos, que se publicaron o pasado 24 de febreiro, as entidades locais beneficiarias recibirán ata 15.000 euros para realizar un estudo do seu saneamento na busca de posibles infiltracións de augas sen depurar.
Ademais, as entidades locais con proxectos para mellorar o funcionamento da súa rede de saneamento tamén poderán acollerse a subvencións para executar obras que reduzan as infiltracións de augas brancas (augas limpas naturais que chegan por infiltración á rede e hai que depurar) e que, por conseguinte, incrementen a calidade e eficacia de todo o sistema. O orzamento desta orde, de carácter bianual, ascende a 2,5 millóns de euros, cun importe máximo por achega de 45.000 euros.
Por último, cómpre lembrar que este ano a Xunta pon á disposición das entidades locais galegas case 7,5 millóns de euros a través de seis liñas de axudas co obxectivo común de contribuír a mellorar o funcionamento dos seus sistemas de abastecemento e de saneamento municipais de augas e ofrecer un mellor servizo á cidadanía neste eido.