― O Goberno galego xa dotou nos últimos meses a este grupo dun camión autobomba rural pesada e reafirma o seu compromiso no ámbito das emerxencias con case 20M€ investidos nos últimos anos en material cedido aos GES e aos servizos de Protección Civil da comunidade
― O GES da Veiga creouse o ano pasado en Ourense xunto co de Maceda e este 2022 os 12 grupos ourensáns mellorarán o seu funcionamento grazas ao convenio asinado entre a Xunta coa Deputación de Ourense e a FEGAMP
― A Xunta lamenta que debido á decisión das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo de rexeitar as propostas do Goberno galego para mellorar a atención das emerxencias, só os GES da provincia de Ourense verán incrementadas as súas plantillas e contarán con mellores condicións
A Xunta fixo entrega hoxe aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Veiga dun equipo de excarceración para tarefas de rescate en emerxencias. En concreto, para empregar en accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas.
O equipo serve para calquera tipo de emerxencias de salvamento ou rescate onde sexa necesario empregar ferramentas hidráulicas de corte, separación, elevación e tracción de altas prestacións. Está conformado por ferramentas eléctricas, cargadores e baterías cunha bomba multifunción a batería, unha cizalla electro-hidráulica, un cilindro de rescate RAM eléctrico-hidráulico, 6 baterías, 3 cargadores, 3 cables de alimentación e 1 serra de rescate para vidro laminado, metal e madeira.
Con esta entrega a Xunta continúa a reforzar o equipamento deste grupo, xa que o pasado xuño xa entregara un camión autobomba rural pesada (BRP) para mellorar a eficacia nas súas intervencións. Ademais, asume máis a metade do seu custo de funcionamento anual, igual que no resto de GES da comunidade, pese a tratarse dunha competencia de carácter local.
O GES da Veiga foi un dos 6 novos servizos creados o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco.
Xunto con este grupo -que da cobertura aos concellos de A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso– tamén se creou na provincia ourensá outro GES con base no concello de Maceda para atender aos municipios de Maceda, Baños de Molgas, Esgos, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo e Xunqueira de Ambía. A eles sumáronse en 2021 os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, na provincia de Pontevedra, xunto co servizo municipal do concello coruñés de Noia.
Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia.
De feito, a través do convenio asinado entre Xunta, a Deputación de Ourense e a Fegamp, incluiranse as melloras propostas polo Goberno galego, de maneira que se completarán os GES da provincia ourensá para que conten con 12 efectivos, o que suporá a contratación de 16 novos integrantes para incrementar as plantillas dos subGES de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión.
Tamén se incrementará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova ata os 320.000 euros fronte aos 155.000 euros actuais e actualizarase a financiación destinada aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013.
Pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación-, o Goberno galego mantén o seu compromiso no eido das emerxencias cun importante investimento nos últimos anos que acada os 20 millóns de euros en material cedido aos municipios galegos.
Desta contía, 8 millóns destináronse a GES como o de Maceda e máis de 11 millóns nas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comunidade.
Ademais, a Xunta asume máis da metade do custo do funcionamento dos GES, o que supón máis de 40 millóns desde a súa posta en marcha, mentres que no caso das AVPC leva destinados máis de 4 millóns de euros coas ordes anuais para colaborar nos seus gastos de funcionamento, que este ano conta cun orzamento de 340.000 euros.
Por tanto, en total a Xunta ten demostrado o seu compromiso cos servizos de emerxencias con máis de 60 millóns para o seu funcionamento e equipamento, ademais de formar aos seus efectivos desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).