O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada de presentación das axudas do Goberno galego para autonómos e pemes organizada por AJE Galicia. Alí, puxo en valor que a Xunta vén de lanzar por primeira vez unha orde unificada de axudas específicas para autónomos, dotada con máis de 40 M€, co obxectivo de avanzar na simplificación administrativa e a redución de carga burocrática para o sector. Deste xeito, detallou que os programas que inclúe esta convocatoria única van desde o inicio da actividade —como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero (28,8 M€)— aos de consolidación e mantemento da actividade —Bono Autónomo (1,5 M€) e Bono Remuda (1,2 M€)—. Tamén incorpora os apoios á conciliación (1 M€) e o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€). Ademais, o secretario xeral lembrou que tamén están a disposición dos autónomos as axudas favorecer a contratación indefinida di primeiro, segundo e terceiro traballador, ás que se destinan 1,35 M€ e coas que se prevé beneficiar case 140 persoas desempregadas.
Fernández destacou que estas medidas se enmarcan na aposta da Xunta para impulsar o traballo por conta propia, que pechou 2024 con máis de 212.000 autónomos, o que supón preto do 20% con respecto ao total das afiliacións, case 4 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia conta coa Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo, dotada de 360 M€ ata o ano 2027.