- González expuxo que ao abeiro desta folla de ruta se impulsou o Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento, que está aberto a todas as entidades do ecosistema emprendedor que desexen adherirse
- Destacou o labor dos 15 Polos de emprendemento, entre eles o de Ferrol, que leva atendido arredor de 980 proxectos e contribuído á creación dunhas 145 empresas e que iniciou unha nova etapa a través dunha alianza coa Cámara de Comercio da Coruña
- Tamén salientou os apoios autonómicos á empregabilidade da mocidade, como os 4 M€ dedicados a este colectivo dentro do Galicia Suma Talento: Emprégate, o Programa Investigo (máis de 4,8 M€) e as achegas ás IEBT (500.000 euros)
- Antes deste evento, o conselleiro reuniuse en Fene con membros da Asociación Iniciativa Empresarial do Norte por Europa aos que expuxo os principais fitos do modelo de formación para o emprego da Xunta e do plan de captación de talento
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe o traballo do Goberno galego a prol do emprendemento ligado ao territorio, onde destaca a futura estratexia autonómica neste ámbito, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que está en fase de consultas co sector. Ao abeiro dela, explicou, reforzaranse os Polos de emprendemento e avanzarase na súa especialización atendendo aos sectores tractores de cada territorio.
Así o sinalou durante a gala do XV Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Galicia, celebrada en Ferrol e na que tamén estiveron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. Alí o conselleiro felicitou ás persoas premiadas e tamén se referiu ao Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento, impulsado no I Congreso Ultreia Galicia, aberto a todas as entidades do ecosistema emprendedor que desexen adherirse e no que entre as asinantes figuran AJE Galicia, AJE Vigo e AJE Ourense.
En relación coa Rede de polos de emprendemento, lembrou que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia. Entre elas a de Ferrol, a única situada nunha área urbana —como mostra do compromiso do Goberno galego coa cidade— e na que se levan atendido arredor de 980 proxectos e contribuído á creación dunhas 145 empresas. Este polo, vén de iniciar unha nova etapa na cidade tras trasladar a súa sede á rúa María, 158, a través dunha alianza estratéxica coa Cámara de Comercio da Coruña en Ferrol, que contribuirá a potenciar o acompañamento integral ás persoas que desexan iniciar ou reforzar un proxecto por conta propia.
Este apoio ao emprendemento, engadiu, compleméntase coas axudas autonómicas á actividade integral do colectivo de autónomos ás que se destinan en total máis de 42 M€ e con novidades como 2 anos de cota cero para reforzar o apoio aos autónomos que inicien a súa actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura e a suba do 20% da contía do Bono Remuda. Outros apoios son os destinados a novos proxectos emprendedores (6,7 M€) e ao autoemprego de emigrantes galegos retornados (1 M€).
Empregabilidade da mocidade
José González tamén se referiu ás achegas autonómicas á empregabilidade da mocidade, un dos colectivos prioritarios nas políticas de emprego da Xunta. Entre elas os 4 M€ dedicados a el no marco do programa Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€ en total), o Programa Investigo, con máis de 4,8 M€ para apoiar a contratación de menores de 30 anos nos ámbitos da investigación, da tecnoloxía e da innovación e as axudas ás Iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), —500.000 euros— . Todos eles con convocatorias abertas ata o 30 de setembro.
Xornada con empresarios en Fene
Antes deste evento, o conselleiro reuniuse en Fene con membros da Asociación Iniciativa Empresarial do Norte por Europa, aos que expuxo os principais fitos do modelo de formación para o emprego da Xunta baseado na flexibilidade, cunha oferta ampla tanto para persoas traballadoras ocupadas como desempregadas e que leva a formación ás empresas dándolle un papel clave ás microcredenciais. Tamén fixo fincapé no plan de captación de talento, conectado coas necesidades do tecido produtivo e baseado na integración laboral real, que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixe, na atracción de talento procedente de terceiros países.



