HomeXunta de GaliciaA Xunta reforzará nos orzamentos de 2026 a prevención e a dotación...

A Xunta reforzará nos orzamentos de 2026 a prevención e a dotación de equipamento para “estar mellor preparados” ante futuras emerxencias

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes avanzou parte dos orzamentos do seu departamento destinados a este ámbito e anunciou que se reservarán 330.000 euros para colaborar cos concellos máis pequenos na redacción dos seus plans de acción municipal fronte incendios forestais
  • As contas da Consellería recollen investimentos de case 1,6 millóns de euros para a adquisición de novo equipamento para a Axencia Galega de Emerxencias, aos que se suman outras achegas en melloras dos sistemas de comunicación

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou hoxe parte dos orzamentos da súa Consellería, en concreto, os relacionados coa prevención de emerxencias e o reforzo de equipamento para facerlles fronte. O Goberno galego pretende así contribuír a estar “cada vez máis preparados” ante futuras incidencias como as vividas neste último ano.  

Por unha parte, a Xunta -como anunciou o conselleiro- destinará 330.000 euros para colaborar cos municipios galegos máis pequenos nos custos de redacción dos seus Plans de acción municipal fronte incendios forestais. Con esta planificación é posible preparar unha resposta municipal e contribúese a ofrecer a solución máis adecuada a este tipo de incidencias.

Por outra parte, xunto coa prevención, a Administración autonómica aposta tamén pola dotación de equipamento necesario e leva feito un importante investimento de 27 millóns de euros nos últimos anos aos servizos de emerxencia municipais, pese a ser unha competencia local, ao mesmo tempo que reforza os medios propios da Axencia Galega de Emerxencia (Axega) para cando se lles require ser mobilizados ante unha incidencia.

Por iso, tal e como explicou hoxe o conselleiro de Presidencia, destinaranse, entre outras achegas, case 1,6 millóns de euros en investimentos para a adquisición de novos vehículos para a Axega. En concreto, 326.700 euros na compra dun Posto de Mando Avanzado (PMA) do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia xunto con outros 200.000 euros destinados á renovación tecnolóxica deste posto, así como 600.000 euros na renovación de seis furgóns de servizos varios da Axega ou 470.000 euros na adquisición dun camión pluma para transporte de material pesado e un camión portacontedores. Tamén se realizarán investimentos noutros equipamentos para completar a dotación do Grupo de Apoio Loxístico e da Intervención (GALI) co obxectivo de apoiar a servizos de emerxencia da comunidade e reforzarase o persoal deste grupo.

Por outra parte, no que se refire á mellora dos sistemas da comunicación, prevense destinar 1,6 millóns de euros de fondos europeos á compra de medios Tetra co obxectivo de garantir a comunicación entre os servizos de emerxencias de maneira segura ante a situacións críticas.

Ademais, tras a experiencia vivida co apagamento do pasado abril, ademais da reclamación ao Goberno central de reforzar as comunicacións co 112 Galicia, a Xunta está a traballar tamén na mellora dos sistemas de comunicación. Así, investiranse 350.000 euros na compra de equipos electróxenos e 60.000 euros na dotación do sistema que permita acceso a internet de banda larga e de conexión por satélite para manter o acceso a internet de alta velocidade e permitir a comunicación entre autoridades con responsabilidade nos plans de emerxencia cando a telefonía deixa de funcionar.

Publicacións Relacionadas