O secretario xeral técnico de Educación reivindica no Parlamento unha actuación coordinada entre as tres administracións competentes tendo en conta a protección patrimonial do edificio
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, reiterou hoxe ante a Comisión 4ª do Parlamento a “máxima vontade” da Xunta para chegar a un acordo para unha solución integral de mellora do edificio do CEIP de Prácticas, na Coruña.
O representante da Consellería lembrou que as tarefas de conservación e mantemento de carácter ordinario son de competencia municipal. Ademais, dado que se trata dun edificio singular de titularidade compartida entre a Xunta, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña, as melloras necesarias teñen que executarse mediante un acordo entre as tres administracións competentes e, ademais, tendo en conta a protección patrimonial do inmoble que obriga a conservar íntegra a súa envolvente.
Precisamente, nesta senda de diálogo, os técnicos das tres institucións están traballando conxuntamente para abordar as actuacións de maior envergadura como son a renovación da cuberta e das ventás. Manuel Vila recalcou a necesidade de, fronte á confrontación, “sumar esforzos” traballando de xeito coordinado e onde cada parte “asuma a responsabilidade competencial que lle corresponde para mellorar este centro”.
O representante da Consellería reivindicou, ademais, o compromiso da Xunta con este centro no que en 2024 se executaron varias obras por un importe de máis de 30.000 euros. Un compromiso que se estende ao resto das infraestruturas educativas na cidade e que se materializa a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inclúe xa preto de 100 actuacións nos centros da Coruña cun investimento de preto de 23,3M€.



