HomeXunta de GaliciaA Xunta reitera ao Goberno a necesidade de axilizar a homologación de...

A Xunta reitera ao Goberno a necesidade de axilizar a homologación de títulos para reforzar a inserción laboral cualificada do alumnado das bolsas BEME

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo hoxe un encontro co alumnado das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que este curso está a realizar os seus estudos de mestrado na Universidade de Vigo. Máis de 60 estudantes desenvolven actualmente a súa formación neste campus, repartidos nunha vintena de titulacións vinculadas a ámbitos estratéxicos como a responsabilidade social corporativa, a dirección de pemes, a automoción, a nutrición ou a xenómica e a xenética, entre outros.

O encontro permitiu coñecer de primeira man a experiencia do alumnado e avaliar o impacto desta iniciativa no retorno da mocidade galega residente no exterior. Neste contexto, González reafirmou o compromiso da Xunta co impulso de políticas que faciliten o regreso e favorezan a plena integración académica e profesional das novas xeracións da diáspora no marco da vixente Estratexia Galicia Retorna 2023-2026. Así mesmo, lembrou que permanece aberto o prazo de solicitude para a 10ª edición das axudas, dotada con 2,55 M€ e que pode solicitarse ata o vindeiro 30 de abril.

Segundo destacou, esta nova convocatoria permitirá acadar unha cifra histórica: máis de 15 millóns de euros mobilizados e máis de 2.000 mozos e mozas retornados de máis de 40 países grazas a esta iniciativa, consolidada xa como unha vía eficaz para atraer talento cualificado ao tecido social e económico da comunidade. De feito, arredor do 80 % das persoas participantes, cunha idade media de 29 anos, permanecen tras rematar os estudos, desenvolvendo aquí a súa carreira profesional, tanto por conta allea como a través do emprendemento.

Empregabilidade e homologación de títulos

Precisamente, as oportunidades de emprego foron outro dos aspectos destacados durante a xornada. As axudas permiten cursar mestrados con elevada demanda laboral e inclúen servizos de orientación que facilitan a transición ao mercado de traballo. Neste sentido, a Xunta seguirá reforzando o asesoramento, a mentoría e a titorización específicas para as persoas participantes. Ademais, por primeira vez, o programa autonómico Galicia Suma Talento: Emprégate incrementa nun 25 % as axudas ás empresas que contraten de forma indefinida a persoas beneficiarias BEME nos dous anos previos.

Neste contexto, o conselleiro fixo fincapé —en liña coa recente reunión co secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Francisco García— nas reiteradas demandas da Xunta ao Goberno central, en coordinación coas universidades galegas, para habilitar unha vía específica de homologación de titulacións universitarias dirixida ao alumnado das BEME, co fin de garantir o seu acceso a postos acordes coa súa cualificación unha vez rematada a súa formación. José González advertiu de que o sistema actual, con prazos de entre tres e cinco anos para o recoñecemento de títulos obtidos no estranxeiro, supón un freo á incorporación de talento ao mercado laboral. Por iso, defendeu avanzar cara a un modelo máis rápido e áxil, coordinado entre a Xunta, as universidades e o Ministerio, que reduza a burocracia e que, posteriormente, podería estenderse no futuro a outras persoas estranxeiras en similar situación.

Convocatoria aberta

A nova edición aberta das BEME para o curso 2026-2027 está dirixida a mozas e mozos galegos con titulación universitaria residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos; a persoas que residisen na comunidade de forma continuada durante cinco anos —con nacionalidade española antes de emigrar—; ou a descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen cursar un mestrado nalgún dos sete campus das tres universidades públicas galegas. Os máis de 95 títulos incluídos na convocatoria —das áreas de arte e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura— foron seleccionados pola súa capacidade de inserción laboral no tecido produtivo galego. As bolsas, que oscilan entre os 8.000 e os 12.500 euros segundo a rexión de procedencia e o número de créditos a cursar, cobren gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención durante a estancia en Galicia.

Publicacións Relacionadas