HomeXunta de GaliciaA Xunta reivindica nos premios 10 de marzo o diálogo social como...

A Xunta reivindica nos premios 10 de marzo o diálogo social como motor de progreso e fortalecemento dos dereitos das persoas traballadoras

- Anuncio -spot_img

― José González subliñou os valores de compromiso e responsabilidade social dos premiados este 2026: Samuel Kwesi, supervivente do Vila de Pitanxo, a maxistrada Paz Filgueira e o sindicalista Xosé Lamela

― Defendeu o consenso, a negociación colectiva e a cooperación público‑privada como ferramentas clave para afrontar os desafíos do mercado laboral, con espazos clave como as Mesas de Diálogo Social autonómicas

― Lembrou que o Goberno galego está a tramitar o próximo decreto que permitirá institucionalizar e potenciar estes espazos, nos que participan o Goberno galego, patronal e axentes sociais

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na entrega dos Premios 10 de Marzo, promovidos por CCOO de Galicia e a súa Fundación, que recoñecen traxectorias destacadas na defensa dos dereitos laborais e na mellora das condicións da clase traballadora.
No seu discurso, o conselleiro salientou que estes premios representan un recoñecemento público a persoas que, desde ámbitos moi diversos, contribúen a construír un mercado laboral máis xusto, igualitario e cohesionado. Felicitou aos galardoados deste ano —Samuel Kwesi, supervivente do naufraxio Villa de Pitanxo, a maxistrada Paz Filgueira e o sindicalista Xosé Lamela— e subliñou que todos eles comparten profundos valores de compromiso social.
González destacou tamén o papel esencial das organizacións sindicais e apelou á importancia da negociación colectiva, do diálogo e do entendemento entre Administración, empresas e representantes das persoas traballadoras. Lembrou que os avances máis significativos en materia laboral prodúcense cando todas as partes colaboran e suman esforzos.

Nese sentido, puxo en valor a implicación de entidades como CCOO nas mesas de Diálogo Social da Xunta e lembrou que o Goberno galego está tramitando o próximo decreto que permitirá institucionalizar estes espazos, potenciándoos como ferramenta estratéxica para abordar cuestións de calado para a nosa Comunidade como a prevención de riscos laborais e do absentismo inxustificado, a igualdade laboral ou o benestar laboral, entre outras. Este decreto permitirá tamén actualizar as mesas sectoriais, que actualmente inclúen a Mesa de Emprego —cos grupos de traballo de políticas activas de emprego, formación, prevención de riscos laborais, absentismo e igualdade laboral— e a Mesa de Economía e Industria —cos grupos de industria e enerxía, naval e automoción—.
Ademais González lembrou que a Xunta está a traballar na futura Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial, que poñerá o foco no benestar laboral e na promoción de prácticas empresariais sostibles e responsables.

Publicacións Relacionadas