- A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá na presentación do programa ‘Territorio Soutos´, creado para potenciar o emprendemento colectivo e poñer en valor os recursos naturais da comarca
- O Polo de emprendemento do Barco, un dos 15 en funcionamento en toda Galicia, leva atendidos un total de 154 proxectos desde a súa creación no ano 2023
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá en Manzaneda no peche da xornada de presentación do proxecto Territorio Soutos, unha actividade organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Barco. Con esta iniciativa trátase de fomentar un novo formato de emprendemento que utiliza o talento de emprendedores e emprendedoras -locais ou urbanos- para xestar de maneira colectiva proxectos de emprendemento disruptivos que ofrezan solucións e alternativas á industria tradicional, poñendo en valor os recursos naturais da comarca.
A este respecto, o proxecto busca a fusión do talento dos emprendedores locais xunto coa sabedoría das persoas do territorio, para xerar innovación desde dentro, ensinándolles a ir máis aló do convencional, e desenvolver proxectos únicos, que devolvan o poder ao local. Concretamente Territorio Soutos ten como territorio de impacto a área xeográfica de actuación do Polo de Emprendemento do Barco, as comarcas de Valdeorras, Trives e Terra de Caldelas.
Marta Mariño destacou a importancia de creación de plans coma este, que reforcen o traballo en colectividade, consolidando así o ecosistema local de emprendemento, creando sinerxías e maximizando o impacto do polo.
Con estes proxectos búscase seguir impulsando a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —iniciativa pública nada en xullo de 2022— que presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico. Neste marco, o Polo do Barco, desde a súa creación no ano 2023, leva un total de 154 proxectos atendidos e case 50 actividades realizadas entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da rede resaltando que actualmente o número de mulleres emprendedoras se atopa no 53 % do total dos asesorados.