A XUNTA REMATA A RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN NA SENDA PEONIL DA ESTRADA PO-549, QUE COMUNICA VILANOVA E VILAGARCÍA DE AROUSA
- Repúxose a iluminación da estrada entre os quilómetros 2+600 e 5+230 e entre o 7+800 e 8, retirando os báculos existentes e colocando outros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros
- Dispúxose tamén iluminación específica e reforzada nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos 3+400, 4+600 e 7+850, con 36 LED de alto rendemento
A Xunta vén de rematar as obras de renovación e instalación de iluminación na senda da estrada PO-549, ao seu paso por Corón, en Vilanova de Arousa.
Esta intervención, cun orzamento superior aos 260.000€, permitiu actuar no itinerario peonil xa executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 M€.
Renovouse a instalación de iluminación entre os puntos quilométricos 2+600 e 5+230 e entre os quilómetros 7+800 e 8. Tamén se retiraron os báculos existentes e colocáronse outros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros.
Dispúxose tamén iluminación específica nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos da PO-549: 3+400, 4+600 e 7+850. Máis concretamente, dous puntos de luz de reforzo para cada un dos pasos de peóns.
Ademais repúxose o pavimento na beirarrúa e na senda, así como os bordos afectados por esta intervención.
Senda de Corón
Cómpre lembrar que a senda habilitada na PO-549, ao seu paso por Corón, financiada con Fondos React-UE, comprende un treito de 3,27 quilómetros, dos que os 500 primeiros metros se corresponden co termo municipal de Vilagarcía de Arousa.
Trátase dun itinerario peonil seguro cunha anchura variable, dotado en diversas zonas por unha franxa verde central e por beiravías que tamén varían entre 1 e 2,5 metros de anchura.