- A iniciativa, que se vén desenvolvendo desde 2021, busca resolver dúbidas e achegar información e asesoramento personalizado en materia de relacións laborais
- O servizo seguirá a resolver dúbidas sobre prestacións contributivas e non contributivas, comprobacións salariais de nóminas, despedimentos ou aspectos vencellados coa igualdade no entorno de traballo, entre outros
- As consultas serán prioritariamente presenciais e atenderase persoalmente ao interesado ou interesada nas propias sedes dos Colexios ou, por proximidade xeográfica, no despacho do profesional asignado
A Xunta de Galicia vén de renovar o convenio de colaboración cos tres colexios oficiais de graduados sociais de Galicia (A Coruña-Ourense, Lugo e Pontevedra) co obxectivo de continuar ofrecendo á cidadanía un servizo gratuíto de orientación xurídica-laboral despregado no territorio e apoiado no coñecemento e a experiencia dos profesionais que integran estas entidades. A iniciativa —que se vén desenvolvendo desde 2021— busca resolver dúbidas e achegar asesoramento personalizado en materia de relacións laborais.
Así, a través deste convenio, aténdense consultas sobre diferentes temáticas como, por exemplo, prestacións da Seguridade Social —como xubilación ou invalidez—, así como as non contributivas ou de desemprego. Tamén se ofrece información sobre aspectos vencellados ás relacións laborais dos traballadores e traballadoras, como contratos, comprobacións salariais de nóminas, despedimentos ou conflitos. Ademais, esta orientación gratuíta esténdese a outros aspectos asociados ás relacións laborais de estranxeiros en España, ao emprendemento e o traballo autónomo, así como a aqueles referidos á igualdade, discriminación ou acoso no lugar de traballo.
Potenciais beneficiarios
Pode acceder a esta orientación calquera persoa física que non teña a condición de empresario, así como os traballadores autónomos que pretendan iniciarse no emprendemento e precisen consello dun experto en materia xurídico-laboral ou de Seguridade Social. Tamén poden utilizar o asesoramento en materia de igualdade, discriminación e acoso as persoas colexiadas con respecto aos seus despachos, así como os clientes do mesmo, no caso de requirilo.
As consultas serán prioritariamente presenciais e atenderase persoalmente ao interesado ou interesada nas propias sedes dos Colexios. Se o beneficiario reside noutro municipio e coincide que o despacho do graduado social asignado se atopa no seu concello ou nun contiguo, a cita poderá realizarse na súa oficina para evitar desprazamentos innecesarios. No caso de que non exista un profesional no municipio da persoa beneficiaria ou esta non poida trasladarse, o servizo poderase facer telefonicamente.
A través desta medida, a Xunta quere seguir acompañando ás persoas traballadoras de xeito rigoroso e coas máximas garantías de confidencialidade, artellando accións que contribúen a mellorar as condicións laborais do mercado de traballo e ofrecendo atención especializada e gratuíta acerca das novidades que afectan ao este eido, tanto no ámbito da lexislación como das novas formas de traballo.