- O conselleiro destacou o compromiso deste espazo por diferenciarse e adaptarse ás novas tendencias de consumo, ostentando esta acreditación autonómica xunto coas de Tomiño, Pontedeume e Carballo
- Lembrou que este pasado luns o Consello da Xunta aprobou un novo paquete de axudas para dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia, arredor de 50 na provincia de Pontevedra, e impulsar a súa certificación como mercados excelentes
- Ademais sinalou que tamén vén de publicarse a orde que actualiza e simplifica a tramitación deste recoñecemento, redefinido en coordinación co sector co obxectivo de acadar 25 con este distintivo en 2030
- Na súa visita a Arroupa, o conselleiro puxo en valor o impacto social e ambiental deste proxecto de Cáritas Diocesana de Santiago distinguido co galardón de Comercio sostible na última edición dos Premios do Comercio Galego
- Detallou que mañá o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de apoios ás empresas de inserción como Arroupa, dotadas con 1,5 M€ e destinadas a cubrir custos salariais e os gastos derivados da contratación de persoas en risco de exclusión
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de entrega da renovación do selo Mercado Excelente á Praza de Abastos de Vilagarcía, un recoñecemento impulsado pola Xunta que acredita a capacidade deste mercado para adaptarse aos novos retos e que tamén ostentan Pontedeume, Tomiño e Carballo. Durante a xornada, o conselleiro tamén tivo ocasión de visitar a tenda Arroupa situada na localidade, un proxecto impulsado por Cáritas Diocesana de Santiago que foi distinguido co galardón de Comercio sostible na última edición dos Premios do Comercio Galego. González salientou que o obxectivo de ambas visitas é visibilizar a enorme riqueza do ecosistema comercial galego, clave para a fixación de poboación e a dinamización económica, e poñer en valor os apoios que promove o Goberno galego no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
No ámbito dos mercados de abastos, o conselleiro resaltou a Praza de Vilagarcía e o bo facer de praceiros e praceiras, destacando o seu compromiso por diferenciarse e adaptarse ás novas tendencias de consumo sen renunciar á esencia e autenticidade que os caracteriza. Así mesmo, lembrou que este pasado luns o Consello da Xunta aprobou unha nova convocatoria de axudas destinada a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia —medio cento das mesmas localizadas en Pontevedra— así como a impulsar a súa certificación como mercados excelentes. Esta liña de apoio contará cun orzamento de preto de 2,3 millóns de euros, a través da cal a Xunta respaldou nos últimos anos á Praza de Abastos de Vilagarcía con arredor de 118.000 euros.
As axudas, de carácter bianual 2026-2027, abranguen actuacións que van desde o mantemento e mellora dos mercados xa certificados ata a diagnose, formación e execución de obras necesarias para acadar o selo, así como accións de dinamización e fidelización. Poderán solicitalas concellos, asociacións, cooperativas e federacións, así como, por primeira vez, asociacións sen ánimo de lucro con polo menos un 50 % de praceiros asociados. Avanzando cara unhas axudas máis accesibles e áxiles, no caso dos concellos amplíase o período subvencionable para facilitar a execución dos proxectos apoiados e, con carácter xeral, simplifícase o procedemento de concesión, cunha intensidade de axuda do 80 %. En paralelo, recordou que vén de publicarse a orde que actualiza e simplifica os trámites para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente co obxectivo de acadar 25 prazas certificadas no ano 2030.
Arroupa, Premio Comercio Sostible
Na súa visita a Arroupa en Vilagarcía —na que tamén estivo presente a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, e a CEO de Arroupa ModaRe, Isabel Fraga— o conselleiro puxo en valor este proxecto que está celebrando o seu décimo aniversario e destacou a súa capacidade para integrar inclusión social, inserción laboral de persoas en risco ou situación de exclusión e actividade comercial, cun impacto positivo tanto social como ambiental. Subliñou que, no marco da súa condición de empresa de inserción laboral, Arroupa converte a roupa usada en oportunidades de emprego desde a economía social e o comercio, dous ámbitos estratéxicos para o Goberno galego, contando na actualidade con 35 persoas traballadoras en toda Galicia, das cales arredor do 80 % participan en itinerarios de inserción sociolaboral.
Neste contexto, lembrou que mañá o DOG publica a convocatoria das axudas 2026 ás empresas de inserción, dotadas con 1,5M€, destinadas a cubrir custos salariais e os gastos adicionais derivados da contratación de persoas en situación de exclusión. Estímase que poderán beneficiarse 17 empresas, que darán emprego a arredor de 170 persoas. Xa no ámbito comercial, González sinalou as axudas para impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos, unha liña da que o pasado ano se beneficiaron máis de 700 negocios —preto de 300 na provincia de Pontevedra, cun investimento na provincia de arredor de 1,5 millóns de euros—.



