HomeXunta de GaliciaA Xunta retira 94 M3 de residuos das praias afectadas polo vertido...

A Xunta retira 94 M3 de residuos das praias afectadas polo vertido de aceite de palma no Porto de Vigo

- Anuncio -spot_img
  • A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático manterá o seguimento desde terra, cun operativo de 12 persoas, 4 carretillas de carga e 2 mini retroescavadora
  • Por parte da Consellería do Mar, mantén activos na zona ao Servizo de Gardacostas de Galicia e ao Intecmar

A Xunta de Galicia xa retirou das praias afectadas un total de 94 metros cúbicos de material procedente do vertido de aceite de palma provocado a semana pasada tras a rotura dun tanque no porto de Guixar (Vigo). Este é o balance das actuacións realizadas desde terra ata agora pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se plasmaron na mobilización dun amplo dispositivo nas praias nas que se foi detectando a presencia de aceite.

Así e aínda que o vertido afectou inicialmente só ao areal de Borna, en Moaña, moi próxima ao estaleiro Rodman, nas últimas horas tamén se constatou a presencia de galletas de diferentes tamaños deste material (que se vai solidificando) nas praias de Nerga, Viñó e Barra, as tres localizadas no Morrazo.

Debido ao temporal que afecta estes días a Galicia, probablemente estas galletas foron arrastradas a terra polas mareas vivas e o mar de fondo que hai na zona pero en ningunha das praias inspeccionadas se detectaron nunha cantidade alarmante.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en todo caso, manterá o seguimento do vertido desde terra nas próximas horas. En concreto, hoxe mércores ten despregado un dispositivo integrado por 12 persoas que contarán co apoio de 4 carretillas de carga e 2 mini retroescavadoras. Ao longo do día está previsto que se inspeccionen os areais de Xunqueira e Meira, ambas no concello de Moaña. A dimensión do operativo adaptarase nos próximos días á evolución da situación.

Pola súa parte, o dispositivo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, mantense activo na zona, realizando traballos de vixilancia terrestre, unha vez que o verquido foi eliminado do mar. Concretamente, polo que respecta aos medios materiais, continúan despregados os buques de loita contra a contaminación Irmáns García Nodal e Valentín Paz Andrade, ademais de dúas embarcacións auxiliares. En canto aos medios humanos, seguen a traballar no lugar dos feitos os efectivos da base operativa de Vigo e os centrais, de Santiago de Compostela. Esta colaboración complétase cos profesionais do Intecmar que están a prestar apoio científico e preventivo, en caso de que o temporal que azouta o litoral galego provoque un desprendemento dalgunha rocha que aínda conteña algún resto do verquido e poida ser desprazado ao mar polas fortes rachas de vento.

Por último, cómpre subliñar as obrigas que teñen os concellos nos seus respectivos termos municipais con relación á recollida do material vertido unha vez que chega a terra. Neste sentido, tanto a normativa nacional como autonómica determinan as competencias das entidades locais no mantemento das praias e na protección do medio ambiente e da ribeira do mar contra posibles episodios de contaminación así como a obriga de ter que aprobar plans municipais fronte a este tipo de situacións.

De feito, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade remitiu a semana pasada cadanseu oficio aos concellos de Moaña e de Vigo lembrando as súas obrigas e solicitando a colaboración de persoal municipal cos medios xa despregados pola Xunta de Galicia para a xestión do incidente producido no porto vigués.

Rápida reacción tras o incidente

A Xunta traballou desde o primeiro momento de forma rápida e coordinada para facer fronte aos efectos do vertido en terra. De feito, nas primeiras horas tras o incidente a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático desprazou á praia de Borna un dispositivo integrado por unha vintena de traballadores, entre axentes, inspectores ambientais e operarios, que contaron co apoio desde o mar de dúas lanchas zodiac.

A propia conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, desprazáronse o venres 31 de outubro ata o areal para comprobar a situación do vertido e supervisar o dispositivo de limpeza, vixilancia e control despregado pola Xunta.

Publicacións Relacionadas