- José González lembrou que ata o 30 de abril está vixente o prazo de solicitude da convocatoria 2026-2027, coa que se chegará á cifra histórica de máis de 15 M€ mobilizados nesta iniciativa integrada na Estratexia Galicia Retorna
- Constatou a eficacia destas axudas para seguir sumando capital humano de alto valor ao tecido social e económico da comunidade, destacando que un 80 % das persoas participantes, cunha media de 29 anos, quedan en Galicia tras rematar os seus estudos
- Para potenciar a súa empregabilidade e na liña da recente reunión co secretario xeral de Universidades, insistiu na necesidade de establecer un vía áxil de homologación de títulos universitarios coordinada entre Xunta, universidades e Ministerio
- Actualmente, arredor de 60 estudantes desenvolven a súa formación de mestrado na Coruña, repartidos nunha vintena de titulacións vinculadas a ámbitos como as finanzas, a edificación sostible, a intelixencia artificial ou a dirección de empresas
- As bolsas, que oscilan entre os 8.000 e os 12.500 euros, contemplan tamén acompañamento e titorización en materia de emprego, ao que se suman os incentivos á contratación a través do programa ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe un encontro coa mocidade galega do exterior que este curso realiza os seus estudos de mestrado na Universidade da Coruña a través das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), consolidadas xa como unha das principais ferramentas da Estratexia Galicia Retorna para atraer talento cualificado do exterior.
Arredor de 60 estudantes desenvolven actualmente a súa formación no Campus da Coruña, repartidos nunha vintena de titulacións vinculadas a ámbitos estratéxicos como a banca e as finanzas, a edificación sostible, a intelixencia artificial ou a dirección de empresas, entre outras. Durante o encontro, o conselleiro puido coñecer de primeira man a experiencia do alumnado e avaliar o impacto destas bolsas na súa integración académica e profesional.
Neste sentido, José González lembrou que permanece aberto o prazo de solicitude para a décima edición destas axudas, dotada con 2,55 millóns de euros, e que poderá solicitarse ata o vindeiro 30 de abril. Segundo destacou, esta nova convocatoria permitirá acadar unha cifra histórica: máis de 15 millóns de euros mobilizados e máis de 2.000 mozos e mozas retornados de máis de 40 países grazas a esta iniciativa, consolidada xa, segundo remarcou, como unha vía eficaz seguir sumando capital humano de alto valor ao tecido social e económico da comunidade, destacando que un 80 % das persoas participantes, cunha idade media de 29 anos, quedan en Galicia tras rematar os seus estudos, desenvolvendo aquí o seu potencial tanto por conta allea como a través do emprendemento.
Homologación de títulos
Precisamente, as oportunidades de emprego foron outro dos aspectos destacados durante a xornada. As axudas permiten cursar mestrados con elevada demanda laboral e inclúen servizos de orientación que facilitan a transición ao mercado de traballo. Neste sentido, a Xunta seguirá reforzando o asesoramento, a mentoría e a titorización específicas para as persoas participantes. Ademais, por primeira vez, o programa autonómico Galicia Suma Talento: Emprégate incrementa nun 25 % as axudas ás empresas que contraten de forma indefinida a persoas beneficiarias BEME nos dous anos previos.
Neste contexto, o conselleiro fixo fincapé —en liña coa recente reunión co secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Francisco García— nas demandas da Xunta ao Goberno central para habilitar unha vía específica de homologación de titulacións universitarias dirixida ao alumnado das BEME, co fin de garantir o seu acceso a postos acordes coa súa cualificación unha vez rematada a súa formación. José González advertiu de que o actual sistema, con prazos de entre tres e cinco anos para recoñecer un título obtido no estranxeiro, supón un freo á incorporación de talento ao mercado laboral. Por iso, defendeu avanzar cara a un modelo máis áxil, coordinado entre Xunta, universidades e Ministerio, que reduza burocracia e garanta maior seguridade xurídica.
Convocatoria aberta
A nova edición aberta das BEME para o curso 2026-2027 está dirixida a mozas e mozos galegos con titulación universitaria residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos; a persoas que residisen na comunidade de forma continuada durante cinco anos —con nacionalidade española antes de emigrar—; ou a descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen cursar un mestrado nalgún dos sete campus das tres universidades públicas galegas. Os máis de 95 títulos incluídos na convocatoria —das áreas de arte e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura— foron seleccionados pola súa capacidade de inserción laboral no tecido produtivo galego. As bolsas, que oscilan entre os 8.000 e os 12.500 euros segundo a rexión de procedencia e o número de créditos a cursar, cobren gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención durante a estancia en Galicia.



