María José Echevarría defende o modelo de xestión do lixo impulsado polo Goberno autonómico como o “máis seguro e eficiente” da Comunidade grazas ao investimento continuado na modernización da planta de Cerceda e da súa rede de infraestruturas
A Xunta de Galicia salientou esta mañá no Parlamento que o complexo medioambiental de Sogama en Cerceda está preparado para tratar todos os residuos urbanos que se xeran na Comunidade, unha capacidade que lle permitiu asumir a comezos deste ano a xestión do lixo dos nove concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza tras os problemas da planta de Lousame.
Así o expuxo en comisión parlamentaria a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, que defendeu o modelo Sogama impulsado polo Goberno autonómico fai máis de 30 anos como o “máis seguro e eficiente” dos sistemas de xestión de residuos implantados en Galicia e engadiu que, grazas a esta posición consolidada, puido ofrecer unha solución aos municipios do Barbanza, que optaron por adherirse a Sogama para garantir o servizo aos seus máis de 82.000 habitantes.
Neste sentido, destacou os investimentos e o esforzo continuado realizado pola Xunta para impulsar melloras na planta de Cerceda así como para modernizar e ampliar as diferentes instalacións nas que se apoia para ofrecer o seu servizo.
En concreto, a directora referiuse ás obras de ampliación do complexo de Cerceda, que permitiron ampliar a súa capacidade de tratamento en case un 82%, pasando de 550.000 a 1 millón de toneladas anuais, e máis recentemente, ao impulso da rede galega de infraestruturas para a xestión de biorresiduos, integrada por catro plantas de compost e 13 plantas de transferencia de apoio, cun investimento global de 45 millóns.
Por último, María José Echevarría salientou que o complexo medioambiental de Cerceda “é a mellor alternativa para cumprir cos obxectivos en materia de xestión de residuos e economía circular” fixados polas autoridades comunitarias e, de feito, xa dá servizo a 304 dos 313 concellos galegos. “Sogama non se impón, Sogama escóllese”, explicou.

