- O conselleiro salientou que esta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna, exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral que está a impulsar o Goberno autonómico
- Explicou que o programa facilita o regreso de galegos menores de 55 anos residentes no exterior, ofrecéndolles un posto de traballo estable e adaptado ao perfil profesional de cada persoa atendendo ás necesidades específicas das empresas
- A presente edición, que conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros, xa permitiu a contratación de 113 persoas en 33 concellos de Galicia, contemplando tamén axudas para o alugueiro de vivenda
- Ademais, no marco do programa, arredor dun cento de empresas están a ofertar preto de 700 vacantes en sectores estratéxicos
- En paralelo, e para atender as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo, a Xunta tamén avanza da man das empresas en medidas dirixidas a traballadores non nacionais procedentes de terceiros países, co foco en América Latina
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe a estación de servizo Vec Riós para coñecer de primeira man a experiencia das persoas galegas retornadas beneficiarias do programa Retorna Cualifica Emprego que traballan nesta empresa grazas a esta iniciativa da Xunta. En concreto, este negocio ten contratadas a dez persoas retornadas das que sete xa están traballando e as outras tres comezarán en breve. No encontro, no que tamén estiveron a subdirectora xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, Carmen Orgeira, e a alcaldesa do municipio, Eva Barrio, tamén se puxo de relevo a importancia do compromiso empresarial e da colaboración público-privada como factores clave para facer posible o regreso do talento galego do exterior e para fortalecer o tecido económico local, respondendo ás necesidades de persoal e favorecendo a cobertura de vacantes, especialmente no rural.
Durante a visita, o conselleiro destacou que o programa Retorna Cualifica Emprego, unha das medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral que está a impulsar o Goberno galego. Neste senso, explicou que a través del se facilita o regreso de persoas galegas menores de 55 anos residentes no exterior, ofrecéndolles un posto de traballo estable mediante contrato laboral, ao tempo que as empresas con necesidades específicas de man de obra poden cubrir as súas prazas con perfís axeitados. O programa garante, ademais, acompañamento e apoio ás persoas participantes desde a súa orixe ata a instalación no seu novo fogar, a través das Oficinas de Retorno da Xunta.
Neste sentido, o conselleiro sinalou que actualmente, entre a edición en vigor do Retorna Cualifica Emprego, dotada cun orzamento de 2,3 millóns de euros, e a anterior, que foi piloto, hai máis de 300 persoas que retornaron a Galicia, moitas delas coas súas familias. En relación coa edición actual, xa se contrataron 113 persoas en 33 municipios, das que arredor de 80 xa se instalaron na comunidade, procedentes de países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil ou México. O perfil medio é o dunha persoa cunha idade media de 35 anos e arredor do 60% regresa coa súa familia. Ademais actualmente, máis de cen empresas ofrecen preto de 700 vacantes no marco do programa de diferentes sectores como como a hostalaría, a industria e construción, o comercio e servizos ou o agrogandeiro, entre outros.
Como novidade, esta edición incorpora axudas específicas para facilitar o acceso ao alugueiro de vivenda e, por primeira vez, accións en orixe, como as feiras de emprego celebradas en marzo na Arxentina e no Uruguai, ás que asistiron máis de 3.500 persoas e nas que participaron cinco clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos. Ademais, de xeito complementario, está en fase de elaboración para o seu lanzamento en vindeiras semanas, unha nova orde que estará dirixida á rehabilitación de vivendas destinadas a traballadores de empresas con centros en Galicia.
Plan de atracción de talento
En combinación coas medidas dirixidas a potenciar e reter a man de obra interna, a Xunta desenvolve un plan de atracción de talento exterior co obxectivo de facer fronte a retos como o demográfico ou o das vacantes laborais. Este plan pon o foco de xeito prioritario no regreso dos galegos e galegas do exterior e, nun segundo eixo, nos traballadores de terceiros países, sempre en colaboración co tecido produtivo para favorecer unha inmigración ordenada.Neste segundo ámbito de actuación, destacan medidas como a recente sinatura dun manifesto de vontades con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para promover vías de migración laboral coordinadas coas empresas galegas. Ademais, a Xunta vén de solicitar ao Goberno central o traspaso das competencias para as autorizacións iniciais de traballo co fin de reforzar esta vía e axilizar os trámites administrativos fronte ao colapso actual do Executivo central.