A Xunta salienta a importancia de sensibilizar sobre a reciclaxe dos envases pois supoñen o 30% dos residuos que se xeran nos fogares

adminON
Lectura mínima de 6

— Ángeles Vázquez defende unha estreita colaboración entre o tecido empresarial, os consumidores e as administracións para dar pasos sólidos na redución do lixo xerado e na aposta por materiais reutilizables cunha segunda ou sucesivas vidas

— O Executivo galego incide na necesidade de empregar envases e embalaxes con menor pegada ecolóxica como son o papel e o cartón, os plásticos biodegradables ou os plásticos reciclados

A Xunta considera fundamental avanzar na concienciación da cidadanía sobre a reciclaxe dos envases pois supoñen o 30% dos residuos que se xeran nos fogares. De feito, son unha parte moi importante nos plans para reducir, reutilizar e reciclar todo tipo de refugallos.
Así o salientou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa participación na inauguración da xornada A sostibilidade do envase alimentario, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal).
A representante do Executivo galego lembrou que para avanzar neste eido é precisa unha estreita colaboración entre o tecido empresarial -desde as grandes ata as pequenas empresas-, os consumidores e as distintas administracións co fin de actuar na mesma dirección e dar pasos sólidos tanto na redución dos residuos xerados como na aposta por materiais reutilizables cunha segunda ou sucesivas vidas.
Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que a reciclaxe e o uso de materiais sostibles son pezas claves na loita contra o quecemento global e o desenvolvemento da economía circular.
Precisamente, Ángeles Vázquez recordou que Galicia aprobou en 2019 a Estratexia galega de economía circular 2020-2030 co obxectivo de avanzar nun modelo produtivo máis eficiente, racional e baseado na recuperación de materiais. Por iso, nel apostábase polo uso de envases e embalaxes con menor pegada ecolóxica como son o papel e o cartón, os plásticos biodegradables ou os plásticos reciclados.
No mesmo sentido, destacou a necesidade de apostar polo I+D+i para reducir o máximo posible o uso de plásticos non reciclables e de avanzar na xestión e tratamento dos residuos co fin de que os materiais non reutilizables sexan cada vez menos. Con esa pretensión, subliñou, a Xunta aprobou en 2021 a Lei de residuos e solos contaminados, unha normativa que se adiantou ao Goberno central e ao resto de comunidades autónomas e que xa incidía tanto no uso responsable dos envases de plástico dun só uso no sector alimentario como na redución do desperdicio alimentario.
A conselleira subliñou que, precisamente, a normativa estatal aprobada ao ano seguinte -en 2022- establece obxectivos como que todos os envases que se poñan no mercado a partir de 2030 sexan reciclables e, sempre que sexa posible, reutilizables. Ao mesmo tempo incide na importancia de avanzar cara o fin da comercialización de envases de plástico dun só uso pois son un verdadeiro problema polas dificultades da súa xestión.
A responsable autonómica explicou que nesa estratexia de aposta pola economía circular se enmarcan tamén plans como o de residuos industriais de Galicia ou o sectorial de residuos municipais, ambos aprobados pola Xunta, e que buscan implicar tanto ás empresas como as entidades locais nunha actuación responsable á hora de elaborar os envases como no momento da súa xestión unha vez utilizados.
En paralelo a esas estratexias, Ángeles Vázquez puxo de relevo a transcendencia de que se celebren xornadas como a organizada por Ucgal para concienciar a todos os axentes implicados neste eido así como a consecución de acordos con sectores como o comercio local, o turístico, eventos deportivos ou de lecer como festivais ou concertos coa finalidade de mellorar as cifras de reciclaxe.
Neste liña, instou a non escatimar esforzos na concienciación sobre a relevancia da reciclaxe, da xeración dun menor volume de residuos e da correcta separación dos producidos. Isto, xunto coa colaboración con entidades como Ecovidro ou Ecoembes, axudará a minimizar a cantidade de refugallos e a facilitar a súa xestión.
O encontro
A xornada A sostibilidade do envase alimentario, organizada por Ucgal coa colaboración da Xunta e doutras entidades, aborda esta cuestión mediante distintas mesas redondas e conferencias sobre a normativa dos envases; a reutilización e reciclaxe; as oportunidades da mercadotecnia ecolóxica; a innovación, o deseño e a seguridade dos envases; ou a súa sostibilidade. Nela participan distintos expertos de empresas de distribución, administracións, entidades como Ecovidro ou Ecoembes e investigadores de distintas universidades que analizarán os retos aos que se enfronta na actualidade a xestión dos envases alimentarios.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático agradeceu a Ucgal a organización deste evento pois promove o debate e a divulgación sobre unha cuestión vital para a preservación do medio ambiente na que deben involucrarse tanto as administracións públicas como as entidades privadas. Ademais, lembrou, é preciso adaptarse o antes posible ás exixencias da normativa europea e das directrices internacionais co fin de atallar o cambio climático e a xeración de residuos.

Comparte este artigo