- Marisol Díaz subliña que esta actividade suporá unha importante proxección nacional e internacional deste espazo natural protexido
- Esta cita deportiva celebra o seu décimo aniversario coa mesma proba coa que comezou, a travesía a nado entre Ons e a praia de Silgar, en Sanxenxo
- Como novidade, este ano tamén se celebrarán dous percorridos infantís gratuítos na praia de Silgar
A Xunta de Galicia pon a proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas como exemplo do equilibrio entre a protección e o uso sostible dos espazos naturais da Comunidade.
Durante a presentación da proba, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, subliñou que esta actividade, que chega este ano á súa cuarta edición, suporá unha importante proxección da riqueza natural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Nesa liña, a directora xeral incidiu no compromiso do Goberno galego con actividades que contribúan a promover a responsabilidade, o respecto e a conservación da contorna así como a concienciar da necesidade de protexer o medio ambiente.
Esta actividade deportiva, que terá lugar o vindeiro 6 de setembro, celebra este ano o seu décimo aniversario coa mesma proba coa que comezou: a travesía a nado entre as praias de Area dos Cans, na illa de Ons, e a de Silgar, no Concello de Sanxenxo.
Ao abeiro desta proba deportiva desenvolveranse varias actividades en colaboración co parque nacional: unha ruta guiada pola illa de Ons; un concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes da illa e unha recollida de residuos na praia de Area dos Cans, coa que, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, se pretende promover a concienciación ambiental.
A maiores, cómpre indicar que durante a travesía a nado instalaranse contedores nos barcos de avituallamento para a recollida de refugallos dado que estará totalmente prohibido tiralos ao mar, en cuxo caso o nadador será descualificado.
Como novidade, e con motivo do décimo aniversario desta actividade, tamén se celebrarán dous percorridos infantís gratuítos na praia de Silgar. Serán 50 metros para a rapazada de entre 5 e 8 anos e de 150 metros para a de 9 a 13 anos. Poderán inscribirse ata o 25 de agosto na páxina web www.championchipnorte.com.
Nesta edición especial da Tripla Coroa Illas Atlánticas participarán 130 nadadores, que proceden de España, Portugal, Ucrania, Andorra, Francia e Italia, e que percorrerán 13 quilómetros entre a illa de Ons e Sanxenxo. Cómpre indicar que 10 nadadores participarán na categoría sen neopreno.