O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á estrea do documental Héroes del Canal, unha serie de catro curtametraxes que recuperan as historias de traballadores españois vinculados á construción do Canal de Panamá. Durante o acto, organizado pola Fundación Nosaterra na Cidade das Artes, Miranda puxo en valor esta iniciativa como un exercicio de memoria e dignificación da emigración, destacando que proxectos coma este permiten poñer rostro e emoción a unha historia colectiva marcada polo esforzo, o sacrificio e a esperanza de miles de familias.
Na súa intervención, o secretario xeral salientou tamén o papel da cultura como ponte entre xeracións e territorios, subliñando que este tipo de producións contribúen a manter viva a memoria da diáspora e a reforzar os vínculos entre Galicia e América. Así mesmo, destacou o valor engadido do uso de novas ferramentas tecnolóxicas na divulgación histórica, que permiten achegar estes relatos ás novas xeracións e ampliar o seu impacto social, reafirmando o compromiso da Xunta co recoñecemento e difusión da historia da emigración galega.



