A Xunta salienta o papel clave da mocidade como embaixadores do Patrimonio Natural Galego na entrega de premios da segunda edición de #parquevibras

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Ángeles Vázquez destaca o talento e a creatividade dos 22 vídeos recibidos no marco da convocatoria deste ano, que contou coa participación de máis de 500 rapazas e rapaces pertencentes a centros de Educación Secundaria das catro provincias
  • As publicacións, deseñadas especificamente para Instagram, TikTok ou Youtube, suman un total de 45.000 visualizacións, 1.800 likes e 300 comentarios
  • Confirma que o curso que vén haberá unha terceira edición do certame para seguir fomentando creacións audiovisuais que axuden a dar a coñecer os seis parques naturais e felicita pola súa orixinalidade aos cinco equipos galardoados este ano

A Xunta salientou hoxe o papel clave dos mozas e mozos galegos á hora de dar a coñecer o noso patrimonio natural grazas á súa implicación no concurso escolar #ParqueVibras, unha iniciativa coa que se converten nos mellores embaixadores dos parques naturais galegos a través das redes sociais.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou esta mañá no acto oficial de entrega de premios aos equipos e colexios galardoados na área recreativa O Corgo, en Muíños, onde se reuniron máis dun cento de estudantes e profesores en representación dos 12 colexios finalistas e premiados.

Tras lembrar que o seu departamento puxo en marcha este concurso no curso 2024-2025 para animar ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria a facer vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube inspirados nos seis parques naturais de Galicia, a responsable autonómica salientou o “éxito” desta segunda edición, na que houbo unha maior participación, con 25 equipos inscritos e máis de 500 alumnas e alumnos implicados pertencentes a centros que, en moitos casos, xa participaran na primeira edición do certame.

En canto aos vídeos participantes, Ángeles Vázquez destacou o talento e a creatividade de todas as propostas. Foron un total de 22 vídeos concibidos para diferentes redes sociais e cos que o alumnado participante se converteu en “influencers” e puido compartir a súa visión particular e orixinal sobre os seis parques naturais que hai en Galicia: Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Serra da Enciña da Lastra.

Ademais, como mostra do impacto real que teñen estas mensaxes, indicou tamén que todas as creacións audiovisuais recibidas no marco da II Concurso #ParqueVibras sumaron un total de 45.000 visualizacións, 1.800 likes e 300 comentarios.

Estas cifras, segundo recalcou a conselleira, demostran a efectividade da iniciativa e que este tipo de mensaxes audiovisuais chegan a moita xente grazas á aposta por un formato, unha linguaxe e unhas canles de difusión moi próximas ás novas xeracións.

Neste sentido, fixo especial fincapé na creatividade do alumnado e o recurso nos vídeos participantes a elementos moi variados como cancións, xogos de mesa, contos e mesmo elementos creados mediante Intelixencia Artificial.

Galardoados

No marco desta segunda edición do concurso #ParqueVibras, entregáronse hoxe un total de cinco galardóns: catro en recoñecemento aos mellores vídeos de cada provincia e un para distinguir á creación máis viral de todas as que participaron. Ademais, todos os alumnos asistentes tiveron ocasión de realizar un taller de influencers de parques naturais con expertas en comunicación e creación de contido para redes sociais.

O equipo gañador na provincia da Coruña foi Os Ecoaventureiros, do IES Maximino Romero de Lema, no concello de Zas; no caso de Lugo o premio recaeu no grupo Os Bonitos, do IES Monte Castelo de Burela; en Pontevedra, o xurado escolleu o vídeo presentado polos alumnos de VibraTeis, do IES vigués de Teis; e finalmente, pola provincia de Ourense resultou galardoada a AULA 4º ESO do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón-Celanova.

Finalmente, o galardón para o vídeo máis viral correspondeu ao traballo realizado polo equipo Naturadictos do IES Blanco Amor, da cidade de Ourense, unha peza na que se fala dos seis parques naturais de Galicia desde o humor e mediante o emprego de numerosos recursos visuais, que conseguiu preto de 6.400 visualizacións en Instagram e máis de 400 likes.

Por último, a conselleira felicitou a premiados e finalistas pola visión fresca e curiosa das súas propostas, e confirmou que o próximo curso haberá unha nova edición de #ParqueVibras para seguir fomentado creacións que axuden a dar a coñecer a riqueza e importancia destes espazos. “Os parques naturais necesitan gardas, científicos, educadores e visitantes pero tamén voces como as vosas que os defendan”, salientou.

Comparte este artigo