- Ángeles Vázquez explica que as entidades locais pasarán dos 490 €/t que recibían ata o de agora aos preto de 590 €/t que recolle o novo acordo marco
- Insta aos concellos a sumarse xa a esta iniciativa porque se o fan antes do 30 de setembro, eses beneficios económicos terán carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2025
- Incide en que este convenio fai posible seguir avanzando na identificación de necesidades, na mellora da organización, na resolución de problemas específicos, así como na formulación de alternativas ou respostas máis adecuadas nesta materia
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que o novo convenio marco de colaboración cos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada dos Produtores (Scraps) de pilas e acumuladores portátiles, que se asinou hoxe en Santiago de Compostela, suporá un incremento de máis do 20% para os concellos adscritos.
Logo da sinatura da renovación deste convenio, a conselleira explicou que aquelas entidades locais que se encarguen da recollida selectiva deste tipo de residuos e se responsabilicen integramente da súa xestión e financiamento ata poñelos á disposición dos scraps recibirán no ano 2025 unha compensación de preto de 590 euros por tonelada, un 20% máis do establecido no anterior convenio (490 €/t). Ademais, “este incremento pode alcanzar ata case un 24% de mellora no ano 2028, o último de vixencia deste convenio”, engadiu Ángeles Vázquez.
Nesa liña, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, instou aos concellos a sumarse a esta iniciativa, que, sen prexuízo de posibles prórrogas, terá unha vixencia de catro anos (2025-2028) porque se o fan antes do vindeiro 30 de setembro, eses beneficios económicos “terán carácter retroactivo” desde o 1 de xaneiro de 2025. De feito, as entidades locais poderán adherirse a este convenio a partir de mañá a través da plataforma SIRGA.
Segundo lembrou Ángeles Vázquez, os scraps son os responsables de xestionar este tipo de residuos e, polo tanto, teñen que compensar economicamente a aquelas entidades locais que se encargan de coordinar e sufragar a recollida selectiva nos seus municipios. En concreto, o concello é compensado pola contenerización, a recollida, o transporte desde os puntos de recollida selectiva ao municipal e polo almacenamento temporal.
Con todo, cómpre indicar que tamén existe a posibilidade de que sexa o scrap quen se ocupe da organización e recollida. Neste caso, a entidade local só ten a función de almacenar temporalmente os residuos que os veciños leven aos puntos de recollida municipal, de onde serán retirados polos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada. Nesta modalidade, ao ser o scrap quen presta todo o servizo, os concellos non reciben compensación económica.
Ademais, a conselleira explicou que unha das vantaxes de dispoñer dun convenio que especifica as obrigacións e a participación tanto de asinantes como de adheridos é dispoñer dun instrumento ao través do cal é posible seguir avanzando na identificación de necesidades, a mellora da organización, a resolución de problemas específicos, así como a formulación de alternativas ou respostas máis adecuadas nesta materia.
Este convenio marco foi subscrito pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e catro dos seis scraps que existen na actualidade. En concreto, asinaron o acordo ECOPILAS, ERP-PILAS, ECOLEC e UNIBAT.

