- Ángeles Vázquez cifra en máis de 1,5 M€ o investimento realizado no parque natural desde 2023 e destaca os bos resultados do programa para mercar terreos privados a propietarios interesados, con preto de 100 fincas adquiridas ata o momento
- Pon en valor o alto grao de participación que marcou a elaboración do PRUX, que garante a compatibilidade entre a protección dos recursos e o seu aproveitamento
A Xunta de Galicia salienta que o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume aprobado en 2023 supuxo un paso definitivo para garantir a protección dos valores que definen este espazo protexido.
Así o defendeu esta tarde a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha resposta no pleno do Parlamento sobre os cambios de usos e aproveitamentos do parque coruñés que está a promover o Goberno galego.
Tras sinalar que nos últimos tres anos a Xunta leva investidos nas Fragas do Eume máis de 1,5 millóns de euros (por riba dos 200.000 euros anuais previstos no PRUX), a responsable autonómica puxo en valor a dotación económica “real” coa que o seu departamento está a desenvolver os programas e accións previstos no instrumento reitor das Fragas do Eume co obxectivo de facer compatibles a protección dos recursos naturais deste espazo co seu aproveitamento e as actividades que se desenvolven nel.
En particular, destacou o programa pioneiro e de adhesión voluntaria que promoveu a Xunta nos últimos anos para reforzar o peso da superficie pública neste parque natural, o único dos existentes en Galicia no que o 80% dos terreos son de titularidade privada.
Así, Ángeles Vázquez lembrou que ata o momento as xestións da Consellería cos propietarios das Fragas do Eume se concretaron na compra de 96 fincas que suman 109 hectáreas e actualmente xa se integraron na superficie pública do parque, un proceso aberto e que nos próximos meses se concretará en novas adquisicións.
De feito, avanzou que a Consellería negocia nestes momentos novas operacións de compravenda e xa están en avanzado estado de tramitación os expedientes que permitirían incorporar outras 60,5 hectáreas.
Por todo o exposto, a conselleira considerou que o PRUX aprobado en 2023 ten demostrado a súa utilidade e efectividade e destacou, ademais, que a súa elaboración foi froito dun longo proceso participativo aberto tanto aos propietarios de terreos dentro do parque natural como a outros axentes e sectores ligados ao mesmo.
Neste sentido e a modo de exemplo, lembrou que das 456 achegas recibidas durante a fase de información pública, máis do 62% foron incorporadas ao texto definitivo e que tamén foron aceptadas máis dun terzo das alegacións relativas ás limitacións de usos que propuña o documento inicial.



