- O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego dos Procuradores as melloras previstas polo Goberno galego nos baremos e nas compensacións pola quenda de oficio
- Galicia xa se sitúa entre os primeiros postos de España nas compensacións aos profesionais da quenda de oficio e vén mantendo un incremento continuo nos orzamentos
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse esta semana cos presidentes do Consello da Avogacía Galega, Francisco Rabuñal, e do Consello Galego dos Procuradores, José Antonio Fandiño, para avanzar nos acordos para a prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta. Segundo indicou o director xeral, a Xunta seguirá mellorando as compensacións económicas a estes colectivos profesionais e estudará a ampliación de conceptos e actuacións que non estaban incluídos no baremo, co obxectivo de garantir o bo funcionamento e a calidade do servizo público de xustiza gratuíta en Galicia.
Cómpre lembrar que o Goberno galego prevé pagar este ano máis de 15 millóns de euros para compensar polas accións na quenda de oficio realizadas no último trimestre de 2024 e nos tres primeiros de 2025. Supón un incremento superior ao 8% con respecto a 2024. O investimento neste servizo de asistencia xurídica gratuíta supera os 188 millóns de euros desde 2009. Neste período a porcentaxe de aumento de gasto anual foi dun 28,5%, cunha media de case 13 millóns de euros nos últimos dous anos.
Nesta liña, o Goberno galego acordou en 2021 con ambos os colectivos profesionais a renovación dos acordos acadados en 2017 para establecer o baremo e as bases de compensación económica de asistencia xurídica gratuíta destes profesionais e que supón un aumento de media de máis dun 15% ata 2025.
Nos primeiros postos en compensacións
Os baremos actualmente vixentes situaron Galicia entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais da quenda de oficio. De feito, a suba media do 15% é bastante maior nos procesos de medidas en materia de familia, nos casos de protección de violencia de xénero, menores vítimas de delitos ou nos procedementos de apoio a persoas con discapacidade.
A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, que considera fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Grazas ás medidas que se foron tomando, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores.
Nas xuntanzas desta semana tamén se abordou o impacto en Galicia da Lei de Eficiencia Organizativa, unha vez implantada a primeira fase nos 38 partidos xudiciais que comprende. Tratouse ademais a situación pendente da terceira fase, correspondente ás sete grandes cidades galegas e que ten como límite de implantación o 31 de decembro.