O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe o maillot do Campionato Europeo de Ciclocrós de mans do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. A competición, que contou co apoio da Xunta, desenvolveuse a pasada fin de semana en Pontevedra cos mellores deportistas europeos desta disciplina. Da selección española participaron case unha trintena de deportistas, e entre eles varios galegos como Lorena Patiño na categoría júnior, ou Miguel Rodríguez, Tomás Pombo e Aroa Otero na sub-23.
No acto de entrega, no que tamén estivo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o conselleiro de Deportes agradeceulle á Federación Galega de Ciclismo o traballo realizado para traer a Galicia este campionato, que se celebra por primeira vez en España. Diego Calvo incidiu na aposta que fai a Xunta polos grandes eventos deportivos, que permiten fomentar a práctica do deporte e darlle visibilidade aos nosos deportistas ao tempo que funcionan como escaparate para a promoción turística da comunidade.