A directora da Axencia Galega de Innovación e o delegado da Xunta en Pontevedra visitan esta empresa especializada en complementos nutricionais a base de extractos de fungos, cuxos proxectos apoia o Goberno galego
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron hoxe a empresa pontevedresa Hifas da Terra, especializada no deseño e comercialización de complementos nutricionais a base de extractos de fungos e beneficiaria de axudas de innovación do Goberno galego.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o carácter innovador desta peme biotecnolóxica, cuxa fundadora e directora Cataliña Fernández foi recoñecida no 2022 co premio á traxectoria innovadora dos Premios Galicia de Innovación e Deseño da Xunta de Galicia, e que destina máis de un 10% da súa cifra de negocio á I+D+i.
Hifas da Terra ten unha longa traxectoria de execución de proxectos de I+D+i apoiados pola Xunta de Galicia, a través de distintas convocatorias como é o caso do proxecto AI-VIDDA. Liderado pola empresa Geriavi e no que participan tamén as empresas Balidea, Academia Trinidad, Niucom e Inovalabs Digital, está a aplicar a intelixencia artificial e a biotecnoloxía a novas ferramentas de intervención en persoas maiores para incrementar os anos de vida saudable.
Ademais, esta empresa pontevedresa é referencia no panorama internacional. De feito, conta con filiais comerciais en Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido onde xera o 56% da súa cifra de negocio. Ademais a empresa iniciou recentemente a súa expansión nos Estados Unidos. Neste senso, destaca tamén a participación da firma en proxectos europeos, como o programa Life, que permitiu a Hifas da Terra e outras entidades colaboradoras a posta en marcha dun proxecto sobre o papel dos fungos e plantas micorrizadas na erosión causada polos incendios forestais. Actualmente está a preparar candidaturas ás convocatorias 2025 co apoio da Xunta de Galicia, a través do servizo PEMEuropa.

