- A Administración galega achegou preto de 300.000 euros para a posta a punto deste recurso no marco das convocatorias para a mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade galega, con apoios que chegan ao 80% do importe das actuacións
- Fernández Vila lembrou que Galicia foi pioneira en España coa aprobación no ano 2019 da Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, impulsando un crecemento ordenado e seguro deste sector en auxe
O director xeral de Planificación enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá que o sector termal galego constitúe un auténtico revulsivo para a dinamización económica dos concellos galegos que contan con este tipo de recursos ademais dun incentivo para o turismo local. Fernández Vila realizaba estas declaracións no transcurso da visita á área termal do Baniño, no municipio ourensán de Punxín, coincidindo coa apertura da nova tempada estival e a inauguración das novas e remozadas instalacións. Na visita tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo.
Segundo explicou Fernández Vila, a área termal do Bañiño resultou beneficiaria das últimas convocatorias da Consellería de Economía e Industria destinadas a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade autónoma, con apoios que chegan ao 80% do importe das actuacións. Concretamente, das axudas correspondentes aos anos 2022 e 2023 e que permitiron realizar actuacións por un importe próximo aos 300.000 euros.
Máis polo miúdo, o director xeral de Planificación enerxética e Minas indicou que grazas ás achegas do Goberno galego se procedeu á instalación de drenaxes, peche perimetral e accesos, rampla de acceso adaptada, aseos adaptados, mellora dos vestiarios e instalacións auxiliares, mellora das zonas verdes, instalación de varandas e duchas e acondicionamento dos vasos, equipos de medida do PH, temperatura e turbidez da auga, así como para a dotación de mobiliario urbano, acometida eléctrica e alumeado exterior, acometida de auga e de saneamento e acondicionamento do aparcamento. Posteriormente, se executou o proxecto de humanización e mellora deste espazo coa construción de muros de cachote de granito, o axardinamento exterior do recinto e a plantación de céspede, rampla para persoas con discapacidade e mellora das instalacións de aseos e vestiarios para adaptalos á normativa de accesibilidade, instalación da sinaléctica e acondicionamento da contorna e saída das augas termais.
Finalmente, Pablo Fernández Vila lembrou que Galicia foi pioneira en España coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, aprobada no ano 2019, ao impulsar un crecemento ordenado e seguro deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais con finalidade lúdica e a configuración dun novo mapa termal en Galicia.