HomeA CoruñaA Xunta solicita ao Estado a inclusión da dispersión poboacional como criteiro...

A Xunta solicita ao Estado a inclusión da dispersión poboacional como criteiro de reparto dos Fondos do Plan de Recuperación

- Anuncio -spot_img

A conselleira Ángeles Vázquez participou hoxe na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, onde pediu que na distribución de investimentos entre os proxectos en materia de residuos e de saneamento de augas non se penalice ás comunidades que cumpren ou teñen mellores indicadores respecto dos obxectivos que fixa a UE

A Xunta de Galicia acaba de solicitar ao Estado que revise os criterios de reparto que pretende aplicar para distribuír os fondos europeos que se mobilizarán nos próximos tres anos a través do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, unha folla de ruta anunciada polo Goberno en outubro para reactivar a economía e que guiará a execución de 72.000 millóns de euros.
Así o trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a reunión telemática da Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de abordar coas comunidades as bases que prevé aplicar para territorializar os primeiros investimentos procedentes da UE.
Un dos puntos principais da orde do día, precisamente, era informar aos representantes autonómicos sobre os criterios de reparto dos fondos que o Plan nacional de recuperación reserva para proxectos relacionados coa conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade, coa xestión dos residuos, e co saneamento e a depuración en aglomeracións de menos de 5.000 habitantes equivalentes.
Tras escoitar os argumentos da ministra, Ángeles Vázquez considerou que as bases propostas polo Estado para territorializar as subvencións nestes tres eidos non benefician os
intereses de Galicia, xa que poderían supoñer unha minoración no reparto dos fondos destinados a levar aos seus proxectos estratéxicos susceptibles de subvención.
Así, a conselleira lembrou que comunidades como Galicia cumpren e avanzan cara aos
obxectivos fixados por Europa en materia de residuos ou saneamento de augas, polo que
este compromiso non debería penalizarse senón polo contrario tería que terse en conta de
cara á territorialización do financiamento.
Dada a importancia do fondo europeo Next Generation para o conxunto das comunidades e
os seus previsibles efectos para a recuperación económica tras o impacto da Covid-19, a
conselleira reclamou ao Goberno “máis transparencia, claridade e rigor” nos criterios que
rexerán os próximos repartos de fondos e esixiu que rectifique e se prime a dispersión
poboacional por ser un factor “limitante” para comunidades como Galicia á hora de garantir
servizos como a xestión de residuos ou a depuración.
Neste sentido, Vázquez Mejuto considerou que a información facilitada polo Ministerio en
todo o relativo aos fondos europeos de reconstrución e á selección dos proxectos
subvencionables deberá ser máis precisa e clara. Así, incidiu en que as liñas de financiamento deben estar moito máis “definidas” para explicar con concreción que tipo de
proxectos e actuacións primarán á hora do reparto.
Principais proxectos de Medio Ambiente
Cómpre lembrar que o fondo nacional de recuperación desenvolverase a través de dúas
liñas: os mecanismos para a recuperación e resiliencia (MRR), pensados para proxectos de
carácter estrutural que axuden á recuperación económica tras a pandemia; e os chamados
fondos React, pensados para actuacións máis concretas e a curto prazo.
Polo que respecta a Galicia, a Consellería de Facenda seleccionou xa máis dun cento de
proxectos das diferentes consellerías e que serían susceptibles de optar ao reparto destes
fondos por parte do Goberno do Estado.
No caso da Consellería de Medio Ambiente, entre as actuacións que aspiran a beneficiarse
nos próximos anos do Plan de recuperación cómpre subliñar o novo complexo de xestión
integral de residuos para acadar o obxectivo de reciclado do 65% dos residuos urbanos
antes de 2035, tal e como fixa a UE; e o proxecto do Parque Nacional das Illas Atlánticas
para a restauración e recuperación de ecosistemas, transición enerxética e mellora de
infraestruturas asociadas a uso público cun investimento total estimado de 135 millóns.

Publicacións Relacionadas