HomeXunta de GaliciaA Xunta solicita reunión co novo coordinador europeo do Corredor Atlántico para...

A Xunta solicita reunión co novo coordinador europeo do Corredor Atlántico para abordar a necesidade de avanzar nesta infraestrutura estratéxica

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sinala que o obxectivo de dito encontro é avanzar no desenvolvemento do mesmo, supervisando o cumprimento de prazos e asegurando que os investimentos se materialicen con urxencia e sen retrasos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, vén de enviar unha carta ao novo coordinador do Corredor Atlántico, François Bausch, para felicitalo polo nomeamento a este cargo tras unha traxectoria como ministro de Mobilidade e Obras Públicas en Luxemburgo que acredita
-sinalou- o seu compromiso coa mobilidade sostible, as infraestruturas europeas e o impulso á conectividade transfronteiriza. Por iso, o conselleiro solicítalle na misiva unha reunión para abordar a situación actual do Corredor Atlántico en Galicia, unha infraestrutura estratéxica e prioritaria para a comunidade e para a cohesión europea.

Así, para a Xunta o Corredor Atlántico é fundamental para potenciar a presenza do noroeste peninsular na Rede Transeuropea de Transporte e reforzar a posición estratéxica da comunidade como nodo loxístico, o que beneficiaría a competitividade empresarial e o comercio, ao mesmo tempo que se avanza cara á mobilidade sostible. Nesta liña, o conselleiro sinalou que o obxectivo de solicitar dito encontro é avanzar no desenvolvemento do mesmo, “supervisando o cumprimento de prazos e asegurando que os investimentos se materialicen con urxencia e sen retrasos que provoquen desigualdades territoriais”.

Cómpre lembrar que a Xunta leva tempo esixindo ao Goberno central concrecións sobre o seu Plan Director do Corredor Atlántico cun desglose das obras, cifras e prazos, xa que, ata agora, mentres o Corredor Mediterráneo xa está en marcha, do Corredor Atlántico non se dispón dun documento completo actualizado e só se coñecen actualizacións con presentacións de diapositivas sen amosar a totalidade das actuacións, sen identificar fitos concretos e sen unha planificación detallada.

Publicacións Relacionadas