A nova planificación incorpora dúas áreas con risco potencial de asolagamento en ríos de Oleiros e Ferrol, amplía unha xa existente no concello de Ponteceso e revisa 36 máis
A Xunta vén de abrir o período de consulta pública para que, durante tres meses, a cidadanía e as entidades interesadas poidan presentar as súas observacións aos mapas de perigosidade e risco de inundación que delimitan aquelas zonas inundables das áreas con risco potencial e significativo de asolagamento (Arpsis) de Galicia-Costa identificadas como novas para o período 2028-2033 ou que sufriron cambios na cartografía desde a súa análise anterior.
En concreto, a consulta limítase unicamente aos mapas das dúas novas Arpsis fluviais (Ferrol–rego dos Corrais e Oleiros–río Serantes) e á ampliación doutra xa existente (río Anllóns, Ponteceso), xunto cos correspondentes ás 36 Arpsis que, procedentes de ciclos anteriores, precisaron ser revisadas por cambios na súa valoración.
O resto das Arpsis vixentes para o ciclo 2028-2033 —recollidas na Avaliación Preliminar do Risco de Inundación (EPRI) aprobada o 13 de febreiro de 2025 e que suman un total de 172 Arpsis fluviais e 28 costeiras— non forman parte desta consulta porque manteñen a súa cartografía tal como foi aprobada xa no ciclo anterior (2021-2027).
Este procedemento enmárcase nas actuacións da administración hidráulica autonómica para a elaboración do novo Plan para a xestión do risco de inundación (PXRI) na demarcación de Galicia-Costa coa identificación de 565,7 quilómetros de ríos inundables en caso de eventuais episodios de chuvia intensa e crecidas e a toma de decisións que axuden a mellorar a súa capacidade de predición ante este tipo de fenómenos.
Nesta nova planificación, que se revisa ciclicamente cada seis anos e corresponde ao período 2028-2033, aparecen identificadas un total de 172 Arpsis fluviais e 28 costeiras. Esta catalogación é imprescindible para saber cales son os puntos máis sensibles dentro da conca Galicia-Costa ante eventos de chuvia extremos ou eventuais asolagamentos.
Deste xeito, a Xunta avanza na elaboración do PXRI Galicia-Costa 2028-2033 ao tempo que traballa no plan 2021-2027 —que recolle con 170 Arpsi fluviais e 28 costeiras— co fin de reducir no posible o impacto de episodios meteorolóxicos adversos.

