- Este mestrado é un título oficial que habilita para exercer a profesión de enxeñaría aeronáutica e conta coa colaboración da Xunta de Galicia desde a súa posta en marcha no curso 2023-2024
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, presentou hoxe a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo ao alumnado do mestrado en Enxeñaría Aeronáutica que se imparte na Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo do campus de Ourense da Universidade de Vigo, onde puxo en valor a formación especializada nestes sectores intensivos en tecnoloxía e subliñou as oportunidades de emprego cualificado e de calidade que ofrecen á mocidade galega.
O mestrado universitario en Enxeñaría Aeronáutica é un título oficial que habilita para exercer a profesión e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia desde a súa posta en marcha no curso 2023/2024. Cunha duración de dous cursos lectivos, o ano pasado saíu ao mundo laboral a primeira promoción de enxeñeiros/as aeronáuticos/as.
A directora xeral lembrou que no marco da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo continuarase apostando polo talento presente e futuro como un elemento clave da competitividade rexional. Engadiu ademais que a Xunta seguirá investindo para atraer e reter o mellor talento de Galicia cara a carreiras técnicas e empregos de calidade e alta cualificación, desde as etapas máis temperás ata a Universidade, pasando pola Formación Profesional.
Galicia conta cunha ampla oferta formativa orientada a consolidar, a medio e longo prazo, un sector con capacidade para xerar, atraer e reter talento. Ademais do Mestrado habilitante en Enxeñaría Aeronáutica, ofértase un Mestrado en Sistemas Aéreos Non Tripulados, un Grao de Enxeñaría Aeroespacial; e un Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico, no CIFP As Mercedes de Lugo, entre outros.



