- Ángeles Vázquez considera necesaria unha base legal sólida para acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040, reducir as emisións nun 75% ao final desta década, adaptar o territorio ao cambio climático e xerar emprego verde
- Insiste na importancia de que a primeira lei que regulará na comunidade unha materia tan prioritaria como esta se aprobe desde o consenso e anima a todos os grupos parlamentarios a presentar achegas construtivas co fin de enriquecela
- Tras superar esta mañá o debate á totalidade, o texto lexislativo seguirá agora coa súa tramitación coa previsión de sometelo a aprobación definitiva a finais deste ano
A Xunta salientou hoxe no pleno do Parlamento que a futura Lei do clima, a primeira que regulará esta materia na comunidade, aspira a converter Galicia nun referente en materia de investigación e innovación climática, con capacidade para exportar solucións fronte aos grandes retos do quecemento global.
Durante a súa intervención no debate á totalidade do proxecto lexislativo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo fincapé na importancia dunha norma da que destacou a súa complexidade, pola relevancia do asunto que aborda e as súas múltiples implicacións, e considerou tamén que ofrece “unha oportunidade única” para que Galicia consolide a súa posición pioneira e á vangarda no eido da acción climática.
A modo de exemplo, a conselleira referiuse aos que considerou que serán os catro grandes retos da norma, destacando por riba dos demais acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040 —é dicir, 10 anos antes do que fixa Europa—, o que a converterá na primeira comunidade en establecer por lei este tipo de compromiso.
Os outros tres grandes retos da Lei do clima de Galicia, tal e como explicou a conselleira, serán reducir en 2030 as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) nun 75% respecto ás de 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas; preparar o territorio ante os riscos derivados do clima con novas ferramentas de adaptación, como, por exemplo, os chamados refuxios climáticos; e promover unha economía sostible e circular que xere emprego verde e de calidade.
Con tal fin, a lei introduce con carácter xeral a obriga da Xunta e do sector público autonómico de integrar a perspectiva climática desde o punto de vista da redución de emisións e da adaptación aos seus efectos na elaboración dos plans e programas sectoriais, na preparación de contratos públicos cando corresponda e nas convocatorias de subvencións cun posible impacto nos obxectivos de neutralidade climática de Galicia.
Para avanzar nas metas que se marca a propia lei, prevense tres instrumentos de acción: a Estratexia Galega de Cambio Climático, na que se fixou por primeira vez o compromiso dunha Galicia climaticamente neutra; os Plans rexionais integrados de acción climática, que marcan a folla de ruta e as medidas concretas a adoptar cada cinco anos para cumprir os obxectivos da Estratexia; e os Plans de acción local polo clima, que a lei fixa como obrigatorios para concellos de máis de 20.000 habitantes.
O texto normativo tamén regula o desenvolvemento de instrumentos económicos clave para garantir que o diñeiro público se poña ao servizo da loita contra o cambio climático e incentivar á vez ao sector privado a implicarse e avanzar neste eido. Cómpre citar, en particular, o impulso progresivo da contratación pública verde; a consideración da perspectiva climática na elaboración dos orzamentos da Xunta; a posta en marcha do primeiro mercado voluntario de créditos de carbono, cuxo decreto foi aprobado no mes de setembro; e a promoción dunha fiscalidade verde en lugar de crear novos impostos.
Ademais, reforzaranse as redes de observación e control meteorolóxicas e de calidade do aire así como os servizos públicos para a xestión dos riscos derivados do cambio climático para dispoñer de máis datos e mellorar a capacidade de previsión e resposta ante fenómenos extremos. Neste sentido, a conselleira incidiu en que a futura lei servirá de marco para abordar co Estado que Galicia poida emitir os seus propios avisos meteorolóxicos en aras dunha mellor coordinación entre os sistemas galego e estatal.
Por último, partindo da premisa de que o cambio climático afecta a todo o mundo a lei aspira tamén a cambiar a mentalidade e fomentar o coñecemento a través de campañas de información, da integración da perspectiva climática en todos os niveis do sistema educativo e do impulso da investigación en áreas relacionadas co clima e a adaptación.
Unha lei participada e feita con rigor
Así mesmo, a conselleira destacou ante o pleno a participación, o rigor técnico e o aval xurídico que marcaron o proceso de elaboración do texto normativo, agradecendo en particular a colaboración da Fundación Universidade da Coruña e todas as achegas e informes recibidos no marco da fase de información pública.
Neste sentido e co obxectivo de que a norma poida seguir enriquecéndose durante a súa tramitación parlamentaria, animou a todos os grupos con representación na Cámara a presentar achegas construtivas e realistas para reforzar a posición galega nunha materia prioritaria como é o cambio climático. De feito, considerou que a primeira Lei do clima de Galicia debería aprobarse desde o consenso e tendeulles a man a todos os grupos para que “apoien esta norma” e eviten así que se repitan situacións do pasado, como ocorreu coa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral.
Tras superar hoxe o debate á totalidade, o proxecto lexislativo —que se estrutura nun título preliminar, cinco títulos e cinco disposicións— proseguirá agora coa súa tramitación parlamentaria co obxectivo de que poida someterse a aprobación definitiva, se procede, a finais deste mesmo ano.