HomeXunta de GaliciaA Xunta subliña o papel protagonista da muller no rural galego e...

A Xunta subliña o papel protagonista da muller no rural galego e a súa achega ao sector agrogandeiro

- Anuncio -spot_img
  • A conselleira do Medio Rural e a directora xeral de Promoción da Igualdade participaron en Lalín na clausura do I Encontro adicado á Muller Rural
  • María José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego co colectivo feminino, con medidas como o Estatuto das Mulleres do Rural, actualmente en tramitación, ou os apoios para favorecer a súa incorporación ao campo
  • María Quintiana recalcou que nos últimos anos houbo moitos avances, pero que aínda queda moito traballo por facer, e avogou por visibilizar e apoiar proxectos profesionais impulsados por mulleres que dan vida e continuidade ao mundo rural

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe na clausura do I Encontro adicado á Muller Rural celebrado en Lalín. Neste acto, no que tamén estivo presente o alcalde, José Crespo, a conselleira subliñou o papel das mulleres rurais e a súa contribución ao sector agrogandeiro galego. Enmarcou este evento nos actos conmemorativos polo Día Internacional da Muller Rural e, neste contexto, reafirmou o compromiso da Xunta coa igualdade plena en todos os ámbitos.

Cómpre recordar, neste sentido, que o Goberno galego está tramitando na actualidade os estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro, así como o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia. Trátase dun paquete de normas que teñen como obxectivo garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no medio rural e no sector agrogandeiro.

As finalidades concretas pasan por recoñecer o papel das mulleres que viven e traballan no rural; visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial e garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; e establecer medidas para fomentar o emprego, a formación, a conciliación, a saúde laboral e o emprendemento feminino. Así mesmo, a conselleira tamén lembrou os diferentes apoios da Consellería para favorecer a incorporación das mulleres, especialmente das mozas, ao campo.

Pola súa banda, a directora xeral de Promoción da Igualdade recalcou que nos últimos anos houbo moitos avances, ao tempo que explicou que aínda queda moito traballo por facer. Nesta liña, abordou a importancia de visibilizar e apoiar proxectos profesionais impulsados por mulleres que dan vida e continuidade ao mundo rural e para o que é imprescindible a colaboración interinstitucional. María Quintiana recordou  que desde a Xunta se están dando pasos para apoiar o emprendemento feminino no rural, en sectores masculinizados e en proxectos liderados por mulleres de máis de 55 anos, a través de programas como as axudas Emega.

Publicacións Relacionadas