Máis de 30 chefs internacionais participan nesta cita que une música, gastronomía e identidade galega
Turismo de Galicia, a través de Galicia Calidade está presente no Festival PortAmérica, que se celebra na Azucreira de Portas (Pontevedra) ata este sábado, 5 de xullo, cunha proposta que une música, gastronomía e identidade galega. Galicia Calidade súmase a esta cita estratéxica dos Concertos do Xacobeo, dentro dun evento que reúne a máis de 30 chefs de prestixio internacional e algúns dos principais artistas do panorama musical.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiu ao festival para poñer en valor o compromiso coa calidade, a orixe e a tradición galega. Durante os días do evento, Galicia Calidade conta cun espazo propio onde ofrece diferentes actividades. De 19:30 a 20:30 horas, celébrase unha sesión diaria de corte de xamón en directo con productos das marcas Coren, Torre de Núñez e Jamones González.
A partir das 20:30 horas, o chef André Arzúa realiza degustacións en directo con elaboracións en frío, nas que emprega produtos das empresas certificadas como Conservas Cortizo, Avigal, La Despensa D’lujo, Quescrem, Pazo de Anzuxao, Pazo do Queixo, Queixería Barral, Casleiras, Daniberto, Santo André e Quesos Feijoo. Os doces tamén están presentes coa Tahona de Melide e Sacrapastas. Ademais, nun corner de viños serviranse referencias das adegas Paco & Lola, Terriña e Vía Romana.
O festival tamén conta co espazo showRocking, onde distintos chefs de renome internacional, liderados por Pepe Solla, ofrecerán unha experiencia única con tapas gourmet para o público con produtos de empresas certificadas como: Merluza de Celeiro, Artesa Rías Baixas e Estrella Galicia.
Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, está presente no PortAmérica cunha ampla oferta de produtos de calidade diferenciada da nosa Comunidade. Así, habilitouse un espazo gastro de experiencias de calidade, no que se ofrecen petiscos e pratos elaborados con estes produtos galegos. Asemade, no recuncho denominado Queixiviño pódese acceder a unha coidada selección de viños e queixos premiados nas Catas de Galicia 2024.
Sobre Galicia Calidade
Galicia Calidade, integrada en Turismo de Galicia, é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, son máis de 170 empresas adheridas e máis de 880 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro e industrial, entre outros.