HomeXunta de GaliciaA Xunta súmase ao proxecto "Deixa Xogar" promovido pola Unión de Federacións...

A Xunta súmase ao proxecto “Deixa Xogar” promovido pola Unión de Federacións Deportivas Galegas para erradicar a violencia no deporte

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participa na presentación desta iniciativa pioneira que inclúe a elaboración dunha guía de información e formación dirixida a deportistas, adestradores, familias e públicos
  • Diego Calvo lembra que esta semana o Parlamento galego aprobou a modificación da Lei do Deporte de Galicia que lle permite ao Goberno galego exercer a acción popular nos casos de violencia no deporte
  • Entre as medidas da Administración autonómica para loitar contra esta lacra pon en valor o traballo levado a cabo desde a Comisión Galega de Control da Violencia ou a aprobación do ‘Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia’

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do proxecto Deixa xogar, promovido pola Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) co apoio da Xunta para erradicar a violencia no deporte. O obxectivo é contribuír á concienciación social sobre esta problemática e ao seu rexeitamento coa implicación dos distintos axentes do ámbito deportivo.

O conselleiro de Deportes puxo en valor esta iniciativa pioneira que, baixo o lema O Xogo é deles. O respecto é noso, prevé a elaboración dunha guía de  información, formación, datos reais, infografías ou modelos para previr, detectar e actuar ante calquera forma de violencia no deporte base. Vai dirixida tanto a deportistas como a adestradores, familias e público e inclúe a descrición das contornas deportivas seguras e inseguras, do código de condutas e regulamento disciplinario, dos distintos tipos de violencias ou das pautas a seguir para actuar ante a violencia.

Diego Calvo incidiu en que a loita contra a violencia ten que ser “un partido de todos” no que todas as administracións e entidades responsables da xestión do deporte se impliquen.

Cómpre destacar que esta iniciativa se presenta na mesma semana na que se aprobou no Parlamento a modificación da Lei do Deporte de Galicia para avanzar na loita contra a violencia no ámbito deportivo. Os cambios posibilítanlle ao Goberno galego exercer a acción popular nestes casos e clarifican o réxime de prescrición das infraccións e sancións deportivas.

Nesta liña, o conselleiro lembrou tamén o traballo levado a cabo desde Comisión Galega de Control da Violencia co obxectivo de actuar naqueles sucesos ocorridos nas competicións deportivas de carácter autonómico, provincial, zonal e local. Neste organismo instrúense e resólvense expedientes sancionadores –70 nos últimos catro anos-  e tamén se solicita ao Comité Galego de Xustiza Deportiva ou as autoridades pertinentes a súa incoación.

Entre outras medidas, tamén fixo referencia á aprobación en 2024 do Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia, unha medida pioneira no Estado, de obrigado cumprimento para todas entidades. Paralelamente, a Xunta organiza xornadas formativas, así como campañas de divulgación e sensibilización da importancia de loitar contra a violencia no deporte.

Publicacións Relacionadas