- A campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) pon o foco na necesidade de descanso, aclimatación, boa alimentación e hidratación no desenvolvemento de tarefas en períodos de calor extremo
- A través da información e a concienciación, procúrase crear contornas laborais máis seguras e saudables para as persoas traballadoras
- A maiores, o Issga participa na campaña estatal de prevención de riscos derivados de fenómenos adversos, na que insta ás organizacións galegas a participar activamente reforzando así a mensaxe preventiva e o coidade da saúde laboral
A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten en marcha a campaña Traballo e calor co obxectivo de sensibilizar tanto a empregadores como a traballadores sobre os riscos asociados ás altas temperaturas no ambiente laboral, especialmente durante os meses de verán.
As altas temperaturas representan un factor de risco significativo durante a xornada laboral, sendo o estrés térmico un dos principais perigos a ter en conta. Este fenómeno xérase cando o corpo non é capaz de regular a súa temperatura debido a unha combinación de factores, como a carga de traballo, as condicións ambientais e a resposta fisiolóxica do organismo. Isto é particularmente importante cando se realizan tarefas ao aire libre, cando se usan equipos de protección individual (EPI) ou cando as persoas traballadoras se expoñen durante longos períodos a altas temperaturas.
Neste sentido, o Issga recomenda varias medidas preventivas para mitigar os efectos do calor extremo. Entre elas, destácase a importancia de realizar pausas regulares para descansar, hidratarse frecuentemente -aínda que non se teña sede-, evitar o consumo de bebidas alcohólicas, café ou alimentos pesados durante a xornada, e usar vestimenta adecuada, como roupa lixeira e de tecidos naturais, así como protexer a cabeza cun sombreiro para evitar a exposición directa ao sol.
Comunicación e asesoramento para garantir a seguridade dos traballadores
A campaña tamén destaca a necesidade de que os traballadores comuniquen calquera síntoma relacionado co estrés térmico aos seus superiores, e que as empresas adopten as medidas necesarias para garantir a seguridade e benestar das persoas empregadas. O Issga proporcionará asesoramento técnico e responderá ás consultas sobre o traballo en condicións de altas temperaturas, co fin de crear ambientes laborais máis seguros e saudables.
A través desta iniciativa, a Xunta busca reforzar a concienciación colectiva sobre a importancia de adoptar boas prácticas e medidas preventivas para garantir a saúde e a seguridade das persoas traballadoras en condicións de calor extrema.
Colaboración a nivel estatal
O Issga atópase adherido á campaña de sensibilización impulsada polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (Insst), enfocada na prevención de riscos derivados dos fenómenos meteorolóxicos adversos (FMA). A campaña ofrece un espazo web no portal do Insst, que proporciona pautas e recomendacións sobre como afrontar riscos asociados a situacións extremas como calor, radiación ultravioleta, vento forte, xeo e neve, tanto para empresas como para persoas traballadoras.
A campaña tamén invita as organizacións galegas a participar activamente, facendo uso dos materiais divulgativos dispoñibles e, se o desexan, incorporando a súa imaxe corporativa. Esta iniciativa facilita unha maior implicación das entidades, reforzando así a mensaxe de prevención e coidado da saúde no ámbito laboral ante fenómenos meteorolóxicos extremo.