- O organismo de conca licitou a finais de xaneiro o contrato, que inclúe a realización do proxecto construtivo para a zona inundable de Valdecorvos e outras nove áreas da Comunidade con risco potencial e significativo de sufrir asolagamentos
- Roi Fernández explica que a nova proposta da Xunta, cun orzamento de 1,6 M€, duplicará a capacidade de laminación ante avenidas do anterior proxecto municipal
A Xunta traballa xa na elaboración dun novo proxecto que permitirá habilitar na cidade de Pontevedra unha das primeiras zonas de inundación controlada na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.
Así o confirmou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen compareceu ante a Comisión 2ª do Parlamento autonómico para responder unha pregunta sobre as actuacións previstas na área con risco potencial significativo de inundación (Arpsi) de Valdecorvos.
Tras explicar que o organismo de conca licitou a finais do pasado xaneiro o contrato para abordar a redacción dos proxectos correspondentes a 10 zonas de inundación controlada noutras tantas Arpsis de Galicia-Costa, Fernández explicou que Pontevedra é un dos municipios escollidos pola Xunta para construír este tipo de espazos, concibidos para protexer as zonas urbanas e as infraestruturas próximas habilitando espazos naturais que, en caso necesario, actúen como amortecedores de posibles inundacións.
Neste sentido, a zona proposta pola Xunta para a súa execución correspóndese coa contorna do regato de Valdecorvos ao seu paso por Pontevedra, concretamente na rúa Fernando Olmedo e nas súas inmediacións.
Cun orzamento estimado en 1,6 millóns de euros, tal e como expuxo o director de Augas de Galicia, a nova alternativa que propón o Goberno autonómico para evitar inundacións nesta zona da cidade duplicará a capacidade de laminación ante avenidas do anterior proxecto municipal, unha proposta que, ademais, presentaba deficiencias técnicas.
En todo caso, recordou que os detalles da futura zona de inundación controlada de Valdecorvos se concretarán no proxecto que está actualmente en licitación (que se prevé que estea listo a comezos de 2026) e que a súa execución dependerá da colaboración co concello, que como administración competente na materia deberá poñer á disposición os terreos necesarios e achegar financiamento, con independencia de que Augas de Galicia tamén poida tentar colaborar co fin de “resolver os históricos problemas que sofre Pontevedra e, en particular, Valdecorvos”.