HomeXunta de GaliciaA Xunta trae a inconfundible voz de Tom Jones á Coruña no...

A Xunta trae a inconfundible voz de Tom Jones á Coruña no marco dos concertos do Xacobeo

- Anuncio -spot_img

O concerto do cantante galés súmase á programación do ciclo musical que inclúe a nomes e bandas como Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora, Miriam Rodríguez, Garbage e The Kooks

A Xunta de Galicia trae a Tom Jones dentro do ciclo O Gozo Festival 2026 no marco dos Concertos do Xacobeo. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o promotor de Sweet Nocturna, David Lago, presentaron hoxe o cartel do espectáculo ‘Come Gather Around’ do cantante galés que terá lugar o vindeiro 2 de xullo no Coliseum da Coruña e que ademais de España, visitará Reino Unido, Alemaña, Italia, Austria e Países Baixos.

Tom Jones está considerado como un dos mellores artistas de todos os tempos, con máis de 100 millóns de discos vendidos, definíndose como unha voz inconfundible no panorama musical actual e un carismo propio sobre o escenario.

A xira de Tom Jones recalará na cidade herculina cunha proposta en directo repleta de éxitos atemporais, como “It’s Not Unusual” ou “Green, Green Grass of Home”, que o consolidaron como unha das grandes estrelas da música. A estes súmanse, os seus albums máis recentes producidos por Ethan Johns: Surrounded By Time, Long Lost Suitcase, Spirit In The Room e Praise & Blame.

O concerto do nomeado artista internacional forma parte da programación do Gozo Festival, que naceu en 2023 co apoio de Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo. En 2025, O Gozo reuniu a máis de 55.000 asistentes aos concertos de Franz Ferdinand, Anastacia, Alanis Morissette, David Guetta, Maná, Lenny Kravitz, Bright Eyes, Foster The People, Lionel Richie e Ao Di Meola.

Tom Jones súmase á programación deste ciclo para 2026 que incluíu a actuación de The Kooks o pasado mes de marzo e tamén as de Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez o 11 de xullo en Santiago de Compostela e Garbage o 6 de xullo na Coruña.

En apenas tres anos de celebración, O Gozo programou en diferentes cidades galegas un importante elenco de artistas internacionais como Robbie Williams, Ed Sheeran, Robert Plant, Queens Of The Stone Age, Rod Stewart, Maná, Armin Van Buuren, Pixies, David Guetta ou Alanis Morissette, entre moitos outros, referentes nos seus respectivos estilos e que na maioría dos casos supoñía a súa primeira actuación en Galicia. Un total de máis de 170.000 persoas asistiron á programación do festival, demostrando a boa acollida que tivo O Gozo entre o público.

Publicacións Relacionadas