HomeXunta de GaliciaA Xunta traslada ao sector produtivo e científico as novas oportunidades que...

A Xunta traslada ao sector produtivo e científico as novas oportunidades que abre o proxecto da Lei do Clima para avanzar na descarbonización

- Anuncio -spot_img

Paula Uría convida aos colexios oficiais e clústeres dos principais colectivos profesionais implicados neste eido a participar na manifestación de interese aberta para recompilar ideas de cara á posta en marcha do primeiro mercado voluntario de créditos de carbono

A Xunta convocou hoxe a unha representación do tecido produtivo e científico de Galicia para trasladarlles os aspectos máis destacados da futura Lei do clima e as oportunidades que abrirá en materia de descarbonización, así como os principais obxectivos do futuro mercado voluntario de créditos de carbono, que será o primeiro deste tipo na Comunidade.

Así o defendeu a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, que presidiu esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) un encontro para presentar ambas iniciativas e ao que asistiron membros dos colexios oficiais de biólogos, enxeñeiros forestais, agrónomos e industriais de Galicia ademais de representantes dalgúns dos clústeres profesionais máis implicados neste eido.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica puxo en valor o esforzo que está a realizar a Xunta para reducir a dependencia dos combustibles fósiles e avanzar cara ao obxectivo da neutralidade climática, dúas metas para as que será clave, precisamente, a futura Lei do clima de Galicia, nestes momentos en tramitación parlamentaria e que pon o foco no clima como eixo transversal de todas as políticas públicas autonómicas.

De feito, incidiu en que esta norma se marca como reto principal dotar a Comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e as absorcións no horizonte do ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola Unión Europea.

Así mesmo, Paula Uría subliñou que o camiño cara á descarbonización ofrece grandes oportunidades para modernizar a economía, fortalecer a competitividade e protexer o territorio, cuestións clave para que Galicia siga sendo un referente en acción climática.

Neste sentido, puxo como exemplo a iniciativa da Xunta para impulsar o próximo ano un mercado voluntario de créditos de carbono para que empresas, entidades tanto públicas como privadas e cidadanía en xeral poidan acudir a el co fin de compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2.

Para facilitar as operacións entre os promotores e os beneficiarios que adquiran os créditos dispoñibles porase en marcha unha plataforma electrónica que xestionará o novo mercado mediante transaccións verificables e certificadas, dotándoo así de trazabilidade e seguridade.

Precisamente, a directora xeral lembrou que o seu departamento lanzou o mes pasado unha consulta aberta á participación de empresas, entidades e particulares co obxectivo de identificar cales son os sectores prioritarios e estratéxicos na Comunidade para impulsar a posta en marcha deste mercado, iniciativa á que o Goberno galego ten previsto destinar un investimento de 6,8 millóns de euros.

Todos os interesados poderán participar nesta manifestación de interese ata o 12 de decembro, polo que animou aos asistentes a implicarse no proceso e facer as súas propias achegas, que serán tidas en conta despois pola Xunta para optimizar a posta en marcha do sistema voluntario de créditos de carbono no ano 2026. Para a xestión deste mercado, Uría explicou que o Goberno galego se apoiará nunha nova plataforma integral electrónica (actualmente en licitación) que garantirá que as transaccións realizadas sexan verificables e seguras.

Publicacións Relacionadas