— Destinaranse máis de 300.000 euros a esta actuación que da resposta a unha das demandas dos profesionais e usuarios deste centro que atende a 300 familias da zona
— O Goberno galego conta con oito Puntos de Encontro Familiar en funcionamento: sete en cada cidade galega e un oitavo na comarca do Barbanza
— Abriranse novos centros por distintos puntos da xeografía galega ata chegar a un total de 14, un deles situarase no concello de Cervo e atenderá ás familias da Mariña
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou esta mañá o traslado do Punto de Encontro Familiar (PEF) de Pontevedra a un novo local máis accesible, amplo e cómodo para os seus usuarios. Durante a súa visita ao novo emprazamento, situado na rúa Cruz Vermella, destacou que con esta actuación procúrase dar resposta a unha demanda dos profesionais e usuarios deste centro que atende a 300 familia da zona.
A conselleira concretou que o Goberno galego destinará máis de 300.000 euros a esta actuación. Así mesmo, apuntou que estes centros permiten garantir o cumprimento do réxime de visitas establecido xudicialmente en condicións de seguridade para todos os menores. A Xunta conta nestes momentos con oito Puntos de Encontro Familiar repartidos polas sete cidades galegas e en Ribeira, que dá atención a toda a comarca do Barbanza.
Fabiola García lembrou que recentemente o Goberno galego anunciou a posta en marcha dun novo Punto de Encontro Familiar no concello de Cervo, que atenderá ás familias da comarca da Mariña. Nos vindeiros meses anunciarase a apertura de novos establecementos ata chegar a un total de 14 centros repartidos por toda a comunidade.