- Ángeles Vázquez indica que o obxectivo deste plan é impulsar medidas orientadas á promoción de boas prácticas e á prevención de xeración destes residuos, fomentando o aproveitamento dos alimentos e reducindo o desperdicio
- Elaborarase un diagnóstico específico sobre a xeración do residuo alimentario na Comunidade e desenvolverase un proxecto estatístico que permitirá contar, por primeira vez, con datos propios e homoxéneos que fundamenten as iniciativas a desenvolver ao abeiro do plan
- A conselleira salienta a aposta pola sostibilidade de Kiwi Atlántico e Galilyo que colaboran nun proxecto piloto de liofilización alimentaria que permite converter os excedentes alimentarios en produtos de alto valor engadido
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que proximamente se adxudicará o contrato para redactar o Plan de prevención e xestión do residuo alimentario, cun orzamento inicial estimado de preto de 170.000 euros, para avanzar cara a un sistema máis eficiente e sostible.
Segundo explicou hoxe a conselleira durante a súa visita ás instalacións de Kiwi Atlántico e Galilyo-Liofilizaciones, en Ribadumia, no marco deste plan elaborarase un diagnóstico específico sobre a xeración de residuo alimentario na Comunidade e desenvolverase un proxecto estatístico que permitirá contar, por primeira vez, con datos propios e homoxéneos. Deste xeito, disporase dunha base de datos propia con información fiable para sustentar a diagnose do plan e o posterior desenvolvemento de iniciativas concretas ao seu abeiro.
O obxectivo deste plan é impulsar medidas orientadas á promoción de boas prácticas e á prevención de xeración destes residuos, “fomentando o aproveitamento dos alimentos e reducindo o desperdicio”, tal e como sinalou Ángeles Vázquez. Así mesmo, tamén se deseñarán iniciativas de economía circular con mecanismos para reducir os residuos alimentarios abordando, por exemplo, a prevención nos procesos produtivos e a racionalización do envasado.
Nesa liña, a conselleira puxo en valor a colaboración do tecido produtivo para avanzar cara a un modelo de economía circular baseado na prevención, no mellor aproveitamento dos recursos e na optimización da xestión alí onde xa existe o refugallo. “Queremos avanzar cara a un sistema máis eficiente no que o desperdicio se evite antes de que se converta en residuo”, explicou.
Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, puxo como exemplo de circularidade a iniciativa posta en marcha por Kiwi Atlántico e Galilyo para desenvolver un proxecto piloto de liofilización alimentaria -técnica de conservación que elimina a auga dos alimentos mediante conxelación e sublimación-. En concreto, a través desta solución tecnolóxica, Galilyo converte os excedentes alimentarios de Kiwi Atlántico en produtos de alto valor engadido, como snacks de froita liofilizada.
Cómpre lembrar que un terzo dos alimentos producidos en Europa non chega ao consumidor e que boa parte deses produtos, a pesar do ser aptos, non chegan aos circuítos por estética, loxística ou excedente. Tal e como explicou a conselleira, iniciativas como a desenvolvida na planta de Kiwi Atlántico en Ribadumia “contribúen a un sistema alimentario máis eficiente e sostible revalorizando alimentos que, doutro xeito, se converterían en residuos”.
A maiores, a conselleira fixo fincapé en que esta iniciativa demostra que “a sostibilidade e a rendibilidade son compatibles”. Así, Kiwi Atlántico reforza o seu compromiso co control da calidade, a sostibilidade e a innovación desde a plantación do produto ata a súa distribución comercial. Ademais, esta empresa completa a cadea de circularidade desde a plantación do kiwi ata a recollida, a venda e o aproveitamento dos excedentes grazas á actividade de Galilyo.
Así mesmo, esta iniciativa permite verificar a viabilidade da solución industrial que oferta Galilyo -empresa promovida por Essence Food e integrada no grupo empresarial Kiwi Atlántico- para transformar os excedentes alimentarios -produtos fóra de calibre, con baixo rendemento comercial ou preto de vencemento, por exemplo- de produtores, transformadores, distribuidores e grandes superficies en produtos de alto valor engadido.

