HomeOurenseOurenseA Xunta ultima os traballos para converter Ourense na primeira provincia galega...

A Xunta ultima os traballos para converter Ourense na primeira provincia galega en contar cunha cartografía actualizada e máis detallada a comezos de 2026

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que esta información resultará de grande utilidade tanto para as administracións como para empresas e cidadanía
  • Esta revisión mellorará a toma de decisións na planificación, creación, implantación e seguimento das políticas da Administración autonómica en eidos como o urbanismo, a mobilidade, as emerxencias ou a dotación de servizos e equipamentos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia está a ultimar os traballos para converter Ourense na primeira provincia  galega en contar cunha cartografía actualizada e máis detallada a comezos de 2026, o que resultará de grande utilidade tanto para as administracións como para empresas e cidadanía.

Segundo explicou a conselleira na xornada de presentación da cartografía 1/5000 da provincia, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo,  no marco do Plan Galicia BTG 5k levouse a cabo, cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros, a cartografía de máis de 617.000 hectáreas de 80 concellos ourensáns a escala 1/5000.

Con estes traballos complétase a información xeográfica de toda a provincia xa que outros 12 municipios da provincia xa contaban cunha cartografía a esta escala. Deste xeito, segundo incidiu Ángeles Vázquez, Ourense é pioneira ao contar con todo o seu territorio cartografado a este nivel de detalle.

Durante a súa intervención, a conselleira subliñou que esta actualización permitirá dispor de información máis precisa sobre o territorio e mellorará a toma de decisións na planificación, creación, implantación e seguimento das políticas da Administración autonómica en eidos como o urbanismo, a mobilidade, as emerxencias ou a dotación de servizos e equipamentos.

En concreto, unha información xeográfica actualizada e detallada facilitará realizar unha planificación do territorio máis precisa para, por exemplo, definir con exactitude as zonas de crecemento, os espazos verdes ou as áreas reservadas para futuros equipamentos. Ademais, no eido das infraestruturas, o trazado de estradas, redes de auga e saneamento, iluminación pública ou fibra óptica planifícase con datos reais minimizando erros, reducindo custos e acurtando prazos de execución.

A maiores, en situacións como incendios, inundacións ou accidentes, os equipos de emerxencias contan cunha información topográfica actualizada para deseñar rutas de acceso e establecer puntos de encontro, reducindo os tempos de resposta e, en consecuencia, os riscos para a poboación e os danos materiais.

Con esta actualización tamén se contribúe a unha maior protección do patrimonio e do medio ambiente xa que con mapas máis detallados é máis sinxelo delimitar zonas de protección -áreas forestais, leitos fluviais ou xacementos arqueolóxicos- e corrixir posibles usos indebidos ou detectar verteduras ou afeccións en espazos naturais sensibles.

Desenvolvemento da cartografía en Galicia

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), responsable da coordinación desta actuación, ten previsto outras accións no eido da cartografía.

Por unha banda, a ampliación dos visores e aplicacións técnicas que o Goberno galego pon á disposición de calquera usuario, público e privado, para poder consultar e descargar un amplo catálogo de datos sobre o territorio que son imprescindibles para levar a cabo multitude de traballos e xestións administrativas.

En concreto, unha das ferramentas que se prevé ampliar é o visor web, posto en marcha ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que xa permite aos usuarios coñecer de primeira man a área na que se localizan os terreos do seu interese, que é unha información clave para saber cales son os usos permitidos nese territorio.

Por outra banda, xa está a tramitarse a actualización do Plan galego de cartografía e información xeográfica co obxectivo de poñer á disposición de administracións públicas, empresas e cidadanía datos espaciais homoxéneos, coherentes, accesibles e de calidade.

Publicacións Relacionadas