HomeA CoruñaA Xunta urxe ao Goberno central a aclarar o estado das reclamacións...

A Xunta urxe ao Goberno central a aclarar o estado das reclamacións polo dano ambiental e os custos xerados polo episodio dos pellets

- Anuncio -spot_img
  • O Executivo galego presentará un recurso de alzada para poñer fin ao silencio do Ministerio e lograr avances neste eido ao tempo que negocia extraxudicialmente cos representantes da navieira coa finalidade de que afronte os custos do suceso
  • Ángeles Vázquez lamenta o escurantismo e o inmobilismo do Executivo central na xestión do incidente pois tardou 25 días en comunicarllo a Galicia e apenas mobilizou medios para mitigar a chegada de granulados plásticos á costa
  • A conselleira pon en valor que a Administración galega actuou con celeridade e responsabilidade coa posta en marcha dun dispositivo por terra, mar e aire que chegou a sumar máis de 400 operarios a pé de praia e interveu en máis de 630 areais
  • O operativo galego, cun gasto estimado de máis de 2,3 M€, e o labor de voluntarios e concellos permitiron retirar máis de 5.000 quilos de pellets da costa, uns residuos que foron valorizados por Sogama ao non ser reclamados pola armadora
  • A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliña que este tipo de episodios teñen que servir para aprender e avanzar a nivel europeo no deseño de normativas que garantan a seguridade marítima e a protección do medio ambiente

A Xunta urxe ao Goberno central a aclarar cal é o estado das reclamacións polo dano ambiental e os custos derivados da limpeza e vixilancia das praias como consecuencia da perda dun contedor de pellets por parte do buque mercante Toconao fronte ás costas portuguesas en decembro de 2023.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a praia de Queiruga, en Porto do Son, onde lembrou que o Executivo central non actuou axeitadamente para reclamar os prexuízos causados tanto á armadora como á aseguradora do cargueiro responsable da chegada de pequenos residuos plásticos aos areais da comunidade. Ante esta situación, anunciou que a Xunta presentará un recurso de alzada co que poñer fin ao silencio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e lograr avances neste eido ao tempo que negocia extraxudicialmente cos representantes da navieira coa finalidade de que afronte os custos derivados do suceso.

A responsable autonómica rememorou o episodio e lamentou o escurantismo e o inmobilismo que caracterizaron a xestión do incidente por parte do Goberno central. De feito, o Goberno portugués comunicou ao español o 8 de decembro a perda dos contedores por parte do Toconao, pero este non llo trasladou a Galicia ata 25 días despois. Ademais, apenas mobilizou medios para mitigar a chegada dos pellets á costa galega malia as peticións do Executivo galego.

Mentres, lembrou, a Xunta actuou coa máxima celeridade e responsabilidade en canto tivo coñecemento do suceso e puxo en marcha un dispositivo por terra, mar e aire no que, nalgúns momentos, chegaron a estar traballando a pé de praia máis de 400 persoas. Este operativo actuou en máis de 630 praias de 66 concellos costeiros e tivo un custo estimado para o Executivo autonómico de máis de 2,3 millóns de euros. Un desembolso económico, aseverou Ángeles Vázquez, que non teñen que pagar as galegas e os galegos pois non teñen ningunha responsabilidade nos feitos.

As tarefas desenvolvidas nos areais e no mar polo persoal mobilizado pola Xunta permitiu retirar da costa arredor de 3.650 quilos de pellets -o equivalente a preto de 150 sacos de 25 quilos dos máis de 1.000 que transportaba o Toconao– e máis de 20.200 quilos de lixo asimilable a residuos urbanos que se retiraron no marco deste dispositivo. A eles engadíronse preto de 1.400 quilos de pellets recollidos a pé de praia por voluntarios ou polos concellos, co que foron retirados das costas galegas algo máis de 5.000 quilos de granulados plásticos, o equivalente a máis de 200 sacos.

Estes residuos -que estiveron gardados en puntos de almacenamento intermedio á espera da súa posible reclamación por parte da navieira, que finalmente non se pronunciou neste sentido- foron valorizados nas instalacións que Sogama ten en Cerceda pois estaban mesturados con outros residuos e materiais presentes nas praias.

Xestións a nivel europeo

A conselleira destacou que este tipo de episodios deben servir para aprender e avanzar a nivel europeo no deseño de normativas que garantan a seguridade marítima e a protección do medio ambiente. De feito, Galicia representará este mes en Bruxelas ás comunidades autónomas españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea, onde defenderá a necesidade de endurecer as normas neste ámbito para garantir un transporte marítimo seguro e o coidado do medio mariño e das zonas costeiras.

Publicacións Relacionadas