A Xunta urxe ao goberno Central a que conclúa o estudo de presións e impactos da contaminación por nitratos para actuar con rigor na declaración de zonas vulnerables

adminON
Lectura mínima de 5
  • O Executivo galego lembra que coa información dispoñible na actualidade non é posible establecer de xeito fiable esas áreas e que é fundamental determinar se a presenza de nitratos se debe a causas naturais ou a actividades como a agricultura
  • A Administración autonómica subliña que no último estudo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico había exemplos de espazos que se definían como contaminados nos que a orixe podía ser distinta ao sector gandeiro
  • Galicia avaliará a información entregada polo Executivo central sobre os ámbitos potencialmente afectados para acoutalos ao máximo e evitar prexuízos innecesarios a unha actividade tan importante para a comunidade como é a gandaría

Representantes da Xunta mantiveron onte un encontro con responsables do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no que trasladaron que urxe contar cun estudo de presións e impactos da contaminación por nitratos en España exhaustivo e actualizado para poder actuar con rigor na declaración de zonas vulnerables que exixe a Comisión Europea.

Na xuntanza, na que participaron técnicos de Augas de Galicia e da Consellería do Medio Rural, o Executivo galego trasladou que coa información dispoñible na actualidade non é posible establecer de xeito fiable esas áreas e, ademais, é fundamental determinar se a presenza de nitratos se debe a causas naturais ou a actividades como a agricultura e a gandaría. De feito, a Xunta lembra que no último estudo do Ministerio había exemplos de zonas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa que se definían como contaminadas malia que non existen certezas de que a orixe desta contaminación non proceda doutras fontes como poden ser os núcleos urbanos ou polígonos industriais próximos.

As partes analizaron o labor que se está a facer neste momento de cara a esa actualización do estudo, na que o Goberno central entregou ás comunidades autónomas distintas fichas cartográficas nas que indica os ámbitos nos que se considera que hai afectación por nitratos. Non obstante, trátase dunha delimitación moi xenérica, polo que os Executivos autonómicos terán que revisar e facer comentarios para acoutar as áreas nas que existe esa presión e despois definir se esa situación se debe a causas naturais, á actividade gandeira ou outras posibles orixes. Un xeito de proceder que, tal e como se considera desde Galicia, dilata moito no tempo a posibilidade de contar con ese informe actualizado.

Neste sentido, a Xunta considera que as augas de transición e costeiras non están afectadas por nitratos -pois neses casos a súa orixe é natural como xa recoñeceu algunha sentenza xudicial- e que é preciso aplicar o máximo rigor na definición das zonas vulnerables para non prexudicar de xeito innecesario a un sector tan importante para Galicia como é o agrogandeiro.

De feito, o traballo realizado neste eido ata o momento polos técnicos de Augas de Galicia e da Consellería do Medio Rural mostra que nalgunhas áreas que o Ministerio considera afectadas pódese descartar que a situación teña orixe agraria e noutras mesmo se constata que non hai explotacións nin actividade gandeira na contorna.

Por iso, a Xunta defende a necesidade de acoutar ao máximo as zonas que se declaren vulnerables e que esa catalogación se faga con rigor e cunha avaliación exhaustiva de todos os parámetros que poden influír na contaminación por nitratos. É fundamental delimitar se a orixe deses nitratos está realmente na gandería e agricultura pois o Real Decreto 47/2022 sobre a protección das augas contra a contaminación difusa por nitratos e a directiva de nitratos de orixe agraria unicamente se refiren a eses casos.

Rolda de contactos

Esta xuntanza bilateral solicitada por Galicia engádese a outras mantidas co Ministerio e co resto de comunidades nas que o Goberno galego defende e canaliza as inquedanzas expresadas polo sector agrogandeiro galego durante a rolda de contactos que se mantivo para analizar as posibles vías de mellora tanto da sostibilidade ambiental da agricultura e a gandería como da situación ecolóxica dos acuíferos.

Comparte este artigo