- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes recordou que Galicia leva nove meses agardando unha resposta á proposta formulada polo Goberno galego para firmar un novo convenio e cubrir as vacantes
- A proposta trasladada ao Goberno central consiste en que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as condicións do Ministerio do Interior
- Diego Calvo pronunciouse hoxe no Parlamento, onde abordou as consecuencias da continua baixa de efectivos na prestación de funcións
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou no Parlamento as consecuencias que está a ter a continua baixa de efectivos na Unidade de Policía Adscrita de Galicia para a prestación das funcións que ten asumidas. Así, urxiulle unha vez máis ao Goberno central a cubrir as vacantes para completar as 500 prazas previstas para Galicia, das que actualmente hai só 339, dado que é responsabilidade exclusiva do Ministerio do Interior aumentalas.
Diego Calvo lembrou que Galicia leva nove meses agardando unha resposta á proposta formulada polo Goberno galego para asinar un novo convenio e cubrir as vacantes. Dita proposta consiste en que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais, e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as condicións do Ministerio.
Estes foron os termos trasladados ao Ministro de Interior o pasado mes de febreiro, no contexto da reunión mantida para abordar a situación e chegar a un acordo consensuado conforme ás necesidades de Galicia. En dito encontro participaron tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Presidencia, pero non houbo un pronunciamento ao respecto por parte do Executivo central.
Actualmente o Estado paga os salarios e a comunidade autónoma a produtividade dos policías e resto de custes de funcionamento da unidade policial, mentres que agora se exixe asumir as nóminas ao 50% e que os gastos de funcionamento sigan correndo a conta da Xunta, o que supón multiplicar por tres o orzamento autonómico destinado á UPA. Para o conselleiro estas condicións non son viables e as negociacións co Ministerio do Interior non avanzaron dende a última xuntanza co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. Diego Calvo insistiu na vontade de chegar a acordos co Goberno central sempre que non resulten lesivos para os intereses de Galicia.
Nestas circunstancias, incidiu en que o Goberno galego se ve abocado a reducir tarefas que viña asumindo a UPA, co obxectivo de prestar os servizos con garantía. Nesta liña, lembrou que xa houbo que reducir efectivos da Unidade de Policía Adscrita en edificios administrativos e que, de non cubrirse as vacantes, non se descarta deixar de prestar outros servizos no futuro, que terán que asumir outros corpos de seguridade do Estado, co conseguinte incremento de gasto para o Ministerio.

